A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou hoxe que o tón de Montoro evidencia que o PP comezou a campaña eleitoral porque só se adicou a facer propaganda e enganar á cidadanía.
Olaia Fernández Davila fixo estas declaracións após de escoitar a intervención do Ministro de Facenda no pleno monográfico iniciado esta mañá con motivo do debate dos Orzamentos Xerais do Estado 2015.
A portavoz do BNG sostén que as contas do Estado son un engano nas súas previsións de crecemento económico, nas previsións de descenso do paro, e no que atinxe ao incremento dos ingresos, e son un engano en relación á necesaria mellora da calidade de vida das persoas. Neste sentido, criticou as cifras macro aportadas por Montoro porque as súas previsións económicas están desmentidas por organismos internacionais como o BCE e o FMI.
Son os orzamentos dos incumprimentos con Galiza
Ademáis, Davila sinalou que se manteñen as políticas de austeridade e de recortes que xunto coa precariedade laboral, salarios máis baixos e o paro fan imposíbel cumprir as previsións do Goberno. Son uns orzamentos que inciden no empobrecemento social, nos recortes e na austeridade en Ministerios que augura con clareza que se producirán máis recortes mentras se incrementa o gasto militar.
A portavoz do BNG falou dos incumprimentos do Executivo exemplificando a cuestión no que pasa en relación a Galiza: unha demostración deses incumprimentos do Goberno son os investimentos que ano tras ano se prevén para Galiza. Unhas partidas que non se cumpren nunha porcentaxe do 40%, e moito nos tememos que vai suceder o mesmo para o ano próximo.
Davila rematou recalcando que son uns orzamentos enganosos.