O "corralito" que prognostican para España, en Galiza chámase participacións preferentes

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, advertiu hoxe de que o “corralito” que anuncian para o Estado español destacados premios Nobel de economía, como Paul Krugman ou Joseh Stiglitz “xa o temos en Galiza, o das participacións preferentes, do que o señor Feijoo é tamén responsábel”.

O candidato nacionalista á presidencia da Xunta lembrou que “un dos principais problemas que ten neste momento a economía é a falta de crédito ás empresas e ás familias”.

Unha crise financeira da que as causas para Jorquera están claras: “A falta de regulación dos mercados e a excesiva concentración financeira”.

Neste sentido, advertiu de que “as novas esixencias de capital dictadas polo Goberno aínda van pechar máis o crédito e a creación de oligopolios financeiros polos que aposta Rajoy vai afondar máis os problemas”.

“Feijoo ve mal que se cree unha banca pública galega, pero parécelle ben que se entreguen 15.000 millóns á banca”

Por iso, unha das solucións a esta crise financeira ven para o BNG pola creación dunha Banca Pública Galega, que garantiría que o aforro galego se quedase en Galiza e contribuíse á recuperación económica, abrindo o crédito ás empresas e ás familias.

A este respeito criticou que “Feijoo intente descualificar a nosa proposta tachándoa de antigualla”.

“Para el o moderno é recortar 10.000 millóns de euros en sanidade e ensino públicos e entregarlle 15.000 millóns á banca para socializar as súas perdas, e así poida seguir lucrándose e facendo negocio”, retrucou Jorquera.

Varias vías complementares para crear unha banca pública galega

Pola contra, o candidato do BNG á presidencia da Xunta subliñou que “a nosa proposta está de plena actualidade, é posíbel e ademais temos exemplos, dende Alemaña, onde a banca pública é moi importante, até os países emerxentes, que están a medrar grazas á súa potente banca pública”.

E para iso propuxo varias vías complementarias para artellar un sistema financeiro público, dende reformar a lexislación estatal para converter Novagalicia Banco nun Banco Público Galego; crear un Instituto de Crédito Galego; crear unha Caixa de Aforros Galega ou reforzar as cooperativas de crédito existentes.

“Está caendo o falso mito de que a dereita xestiona mellor”

Ademais, Jorquera non dubidou en afirmar que as medidas contra a crise que se están tomando tanto na UE, como no Estado español e en Galiza “están botando abaixo o falso mito de que a dereita goberna mellor”.

“Acaso gobernou mellor Rodrigo Rato a Bankia? Acaso Rajoy achega solucións? Acaso Feijoo goberna mellor en Galiza, onde o paro medra moi por riba da media estatal e o tecido económico de destrúe a un ritmo moito máis rápido? Preguntouse.

“O corralito que se anuncia para España xa o temos en Galiza: as participacións preferentes”

O candidato do BNG á presidencia da Xunta rematou advertindo que que “destacados premios Nobel de Economía xa están a advertir dun corralito para España, e ese corralito xa o temos en Galiza: a fraude das participacións preferentes”.

Unha situación da que responsabilizou ao Goberno de Aznar, por permitir que se crease este produto financeiro, e a Feijoo “porque el apoiou a conversión das caixas galegas nun banco e chegar a esta situación”.

Por iso, Jorquera subliñou que “da profunda crise actual só podemos saír cun cambio radical das políticas económicas, e a creación dunha banca pública galega que defende o BNG é unha das medidas imprescindíbeis que se deben tomar”.

http://youtu.be/hHh__ftlHqg

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG