Os concellos gobernados polo BNG póñense a disposición do Goberno da Xunta para colaborar na acollida das 629 persoas refuxiadas abordo do Aquarius e de todas as que foxen dos seus países de orixe escapando da miseria, da violencia e mesmo da morte para buscar unha vida mellor.
Así o trasladou o portavoz do Bloque na FEGAMP, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asegurando que os concellos nacionalistas teñen as súas portas abertas ante este “drama humano” porque “nin queremos nin podemos mirar para outro lado”.
“Aproveitamos esta comparecencia para transmitir ao Goberno da Xunta a total disposición dos concellos gobernados polo BNG para recibir, axudar e amparar a estas persoas, temos as portas abertas para darlles acollida e poñer o noso modesto grao de area”, explicou o rexedor carballés, “queremos que os nosos concellos e este país sexan un reflexo da súa veciñanza, que sabe moi ben o que é saír fora para buscarse o pan e o sustento fora dos seus fogares, que sabe moi ben o que é saír das súas casas para buscar unha vida mellor”, explicou o rexedor carballés.
Esta total disposición dos concellos do Bloque a colaborar co Goberno galego tamén foi expresada pola viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tras a Xunta de Portavoces.
Rodil lembrou o plan presentado polo Executivo de Feixóo en 2015 no que cifraba en 300 persoas a capacidade de acollida, “pero nunca máis se soubo”. “É unha cuestión de pura humanidade e esas persoas deben recibir axuda, desde logo contan cos concellos nacionalistas e Xunta debe colaborar de inmediato co Estado español”.