O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas afirmou na comisión de Agricultura, celebrada no Parlamento galego que, “o lume se apaga no inverno” e hoxe con este acordo demos “un primeiro paso” cara facer realidade unha vella reivindicación das comunidades de montes sobre as axudas nos traballos de defensa e prevención dos montes contra os lumes.
Rivas explicou que, habitualmente as axudas para os traballos de prevención dos lumes fanse públicas nos meses de xaneiro e febreiro pero implican un “un grande retraso” ao seren resoltas no mes de agosto, “na metade ou final da temporada de alto risco de lumes”, polo tanto, as axudas, ao seu parecer, “chegan tarde”.
AS AXUDAS INCLUIRÁN OS TRABALLOS DE PREVENCIÓN DAS COMUNIDADES DE MONTES
Por outra banda, os traballos forestais de prevención poden ser asumidos por un gran número de comunidades de montes que contan con material e empregados e como consecuencia, “impulsan o emprego local”, recalcou Rivas. Neste sentido, hoxe dende o BNG, explicou o nacionalista instamos á Xunta a que os traballos, “obxecto das axudas”, poidan ser realizados “non só por empresas forestais, senón tamén polas propias comunidades de montes e as súas mancomunidades”.
O parlamentario advertiu que os acordos deben cumprirse e nese sentido, avanzou que o BNG seguirá moi de preto o cumprimento do acordo acadado hoxe no Parlamento para a súa inmediata posta en marcha pola consellería de Medio Rural.