Comunicado do BNG no Día da Prevención do Suicidio

Urxe o desenvolvemento do Plan Galego de Prevención do Suicidio, así como a contratación de profesionais, sobre todo especialistas da saúde mental
 

No día de hoxe conmemórase a nivel internacional o Día da Prevención do Suicidio, data á que se suma o Bloque Nacionalista Galego. Esta xornada busca concienciar sobre o gran problema de saúde pública do suicidio, que supón un importante número de falecementos en todo o planeta, ao tempo que se demandan medidas eficaces para a súa prevención.

Aínda sen poder dispor dos datos referidos ao ano 2021, na última década vimos constatando como na Galiza se superan anualmente a barreira das 300 persoas falecidas por conduta suicida, cunha media que fica moi próxima á de unha persoa por día cada ano, ata supor no 2020 a segunda taxa de suicidios máis elevada de todo o Estado. Estas cifras, xa alarmantes, poñen ademais o acento sobre a mocidade, onde se veñen incrementando as ideacións e condutas autolesivas desde idades moi temperás. Ademais, parello a isto, cómpre ter presente que os datos de patoloxía crónica en saúde mental e de consumo de ansiolíticos e psicofármacos tamén son moi elevados no noso País, conformando unha conxuntura que, se ben xa viña presentando esta tendencia previamente á irrupción da COVID, após a pandemia o panorama é verdadeiramente preocupante.

A situación do sistema sanitario galego fai prender todas as alarmas: cunha Atención Primaria colapsada, listas de espera inxentes, déficit de profesionais sanitarias en todas categorías e ámbitos, entre outras problemáticas. Urxe o desenvolvemento do Plan Galego de Prevención do Suicidio, así como a contratación de profesionais, sobre todo especialistas da saúde mental, e a súa incorporación inmediata ao sistema sanitario público, nomeadamente aos centros de saúde. A situación social e económica tamén impacta directamente sobre a nosa saúde física e mental, sendo unha fonte de padecemento que se suma a outras circunstancias físicas e psíquicas individuais, polo que se fan precisas actuacións neste campo para poder reverter a situación.

As mortes por suicidio son falecementos evitábeis, mais son precisas políticas públicas para a súa prevención. O BNG amosa o seu compromiso de continuar traballando da man de pacientes e profesionais, tanto nas rúas coma nas institucións, pola mellora na saúde mental da poboación e poñendo todos os medios para a redución destas dramáticas cifras.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG