A visita á conserveira Thenaisie Provoté SL de O Grove serviu hoxe á candidata do BNG Carme da Silva para comprobar que Galiza ten a posibilidade de aproveitar as súas augas e pechar o ciclo mar-industria en Galiza “xerando miles de postos de traballo”. Despois de estar nos últimos días con mariscadoras da ría de Arousa, nunha batea de mexillón en Moaña, e hoxe na conserveira subliñou que o Bloque será a voz do sector en Madrid despois do 28A e garantirá o seu desenvolvemento para producir riqueza no país.
A cabeza de lista asegurou que pelexará dende o seu escano para que Galiza teña capacidade directa de negociación en todos os asuntos de pesca e marisqueo dentro do Estado e da Unión Europea. Subliñou que presionará tamén para crear un marco galego de relacións laborais onde as cuestións que teñen que ver coa conserva se negocien en Galiza e non en Madrid, e traballará para acadar o necesario saneamento das rías e do litoral co obxectivo de “aproveitar a capacidade produtiva que temos na pesca e no marisqueo para pechar o ciclo mar industria en Galiza e que a xente non teña que marchar para atopar un emprego”.
Da Silva destacou a necesidade de que Galiza teña cotas de pesca suficientes que permitan traballar á súa flota en lugar de ter amarrados os barcos. De feito, sinalou que a propia conserveira Thenaisie Provoté SL (de 155 empregadas) traballaba hoxe con xarda non galega pola dificultade e limitación das cotas para Galiza, que aínda tendo moita máis capacidade para pescar ten parada a súa actividade.
“Isto non ocorrería de considerarse Galiza un país altamente dependente da pesca. Para o Estado español, para Madrid, a pesca non é un sector estratéxico pero para Galiza si”, insistiu, engadindo que o BNG reclamará capacidade directa de negociación na Unión Europea sobre todas as cuestións que afectan ao sector pesqueiro e marisqueiro, tal e como teñen a día de hoxe outras zonas da Unión Europea como as Illas Feroe que, dependendo de Dinamarca, teñen xestión propia no tema das cotas “e vailles bastante mellor que a nós”.
Por outra parte, Da Silva destacou que na conserva o 85% de todas as persoas en activo no Estado mulleres galegas. Por este motivo reivindicou que os convenios se negocien en Galiza, xa que a día de hoxe o convenio negóciase en Madrid “onde non son coñecedores de como e en que condicións se traballa”.
A candidata insistiu en que é necesario que Galiza teña voz en Madrid para defender todas as reivindicacións do sector e destacou que nos últimos anos, pola ausencia do BNG, o país e as mulleres e homes do noso mar “foron ignorados”. “É preciso volver ser protagonistas e deixar de estar discriminados, por iso hai que ter saber que o 28A xogámonos ser ou non ser. Temos por diante un reto excepcional e hai que convencerse de que o voto útil para Galiza é o do BNG: ningunha outra forza levou a voz do pobo galego a Madrid, xa o vimos esta lexislatura”, subliñou.
Así mesmo, destacou que nestes momentos está “no alcance da man” volver a contar con dous escanos do BNG no Congreso por Pontevedra e A Coruña, mais subliñou que é preciso sumar no Bloque os votos “da xente que quere que Galiza conte” para gañar a VOX e C’s a disputa. “Non hai que deixarse levar pola política do medo. Aquí o escano está a caer para o BNG, dino todas as enquisas, e ademais xa vimos o que é a dereita rancia e o que significou o bipartidismo do PP e do PSOE para o país: Galiza estivo desaparecida. Hai que poñer freo aquí e agora”, finalizou.