O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, votou non ás conclusións dos catro documentes (Union Europea, Sanidade Pública, Reactivación Económica e Políticas Sociais e Sistema de Cidadáns) elaborados pola chamada Comisión de Reconstrución. Rego considera que os documentos non recollen a vontade de desenvolver políticas diferentes ás experimentadas até agora para saír da crise, nin tampouco para asegurar unha xestión pública e de calidade da sanidade e dos servizos sociais e de coidados. “Non hai unha aposta real por unha sanidade pública, nin en políticas económicas diferentes que fagan que nesta ocasión non sexan os mesmos, a clase traballadora e os pobos quen paguen a crise, como aconteceu na anterior” salientou o deputado nacionalista.
Néstor Rego defendeu que non se pode buscar unha saída pola vía dos recortes sociais, da precarización das condicións laborais e o empeoramento das condicións de vida dos sectores máis vulnerábeis da poboación. O BNG aposta por buscar unha saída socialmente xusta que parta da base de que ten que contribuír máis quen máis ten.
Por iso lamenta que PSOE e Unidas Podemos rexeitasen as propostas feitas polos nacionalistas para asegurar a xestión directa da sanidade pública, para a intervención pública das residencias de maiores, para estabelecer un imposto ás grandes fortunas, recuperar os rescate bancario, reducir o gasto militar ou nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, comezando por aquelas que foron públicas e non deberon ser privatizadas.
Rego puxo como exemplo a situación de Alcoa, agora coa ameaza de fechamento e de despedimento de 1.000 traballadores e traballadoras como un dos casos de empresas estratéxicas que deben ser intervidas pola Administración pública para asegurar a continuidade da actividade e o mantemento dos postos de traballo.
No que ten que a ver coa sanidade o BNG defende que debe ser xestionada dende o público para garantir a calidade e o criterio de servizo. “Os recursos públicos deben destinarse á sanidade pública e a eliminar a posibilidade de xestión a través de outros entes, fundacións e aquelas políticas privatizadoras” explicou Rego. En todo caso, o deputado nacionalista considera moi importante que fose incorporada na emeda proposta polo BNG para eliminar a taxa de reposición de efectivos na sanidade tendo en conta que este era até agora un dos principais obstáculos para aumentar o persoal da sanidade pública e poder reverter as políticas de privatización e de recortes realizadas.
En relación coa Union Europea o BNG defendeu que era preciso camiñar cara outras políticas comunitarias. A xuízo de Néstor Rego salienta que nesta crise a Unión Europea quedou retratada como o que é, unha estrutura ao servizo dos intereses das oligarquías e dos Estados centrais, foi incapaz de dar unha resposta áxil e social á crise económica xerada pola emerxencia sanitaria. Nese sentido, o BNG defendeu que era necesario camiñar cara outra Europa, unha Europa social, democrática e dos pobos, que recoñeza os dereitos das nacións e que incorpore como prioridade os dereitos das maiorías sociais.