O portavoz do BNG no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, deixou claro no Pleno da Cámara que o Decreto de reestructuración bancaria legaliza unha doble expropiación. O BNG votou en contra deste decreto.
Jorquera puxo de manifesto que os contribuíntes terán que custear o saneamento da banca, e por riba, ás vítimas da estafa masiva das preferentes se lles impón unha quita de até un 80% do valor inicial das súas participacións.
Son medidas, dixo, que supoñen unha doble expropiación. Saquean aos contribuíntes e pequenos aforradores que pagan as prácticas de casino da banca.
No que atinxe ás participacións preferentes, Jorquera afirmou que vostés deixan en total desproteción xurídica aos afectados, até o punto de que o FROB e o Banco de España poden alegar causas económicas para impedir a execución de sentenzas favorábeis aos demandantes.
O Goberno: de lado dos estafadores e non das vítimas
O portavoz do BNG acusou ao Goberno de se pór ao lado dos estafadores e non das vítimas.
Criticou os poderes excepcionais ao FROB que poderá intervir e liquidar entidades baixo criterios subxectivos, aínda que cumpran os ratios de solvencia. Pero se salvarán aos grandes bancos. Nese sentido, vaise crear un auténtico oligopolio no sector e a liquidación definitiva do sistema financeiro galego. Porque, apuntou, para Galiza si é sistémico dispór de entidades de aforro propias transformadas en bancos públicos para a reinversión en Galiza do aforro dos galegos.
Con razón o Señor Botín dicía que as reformas do Goberno están ben encamiñadas. Normal, os grandes bancos vanse quedar con todo o botín a costa dos contribuíntes e dos pequenos aforradores.
Jorquera conminou aos deputados da oposición a dar un paso máis e presentar un recurso de inconstitucionalidade contra este decreto. Hai que aclarar que se precisan 50 deputados para poder presentar un recurso de inconstitucionalidade.
http://youtu.be/VhbzyEHPKes