O BNG preguntou no Parlamento pola vía de urxencia sobre a situación da ambulancia medicalizada do 061 con base no Hospital do Salnés que está sendo destinada a facer traslados a outros hospitais, deixando desatendidas as urxencias na zona, malia que o Bloque leva anos denunciando as deficiencias do transporte sanitario urxente, con comarcas enteiras e que, no caso do Salnés, afecta a unha poboación que abrangue máis de 100.000 habitantes.
A responsable da área de Sanidade do BNG, Montse Prado, manifestou, moi seria, que esta actitude reiterada da Xunta do PP é “irresponsable e raia o delitivo” porque pon en risco á poboación ao deixala sen ambulancia medicalizada ao destinala a facer traslados entre hospitais, mentres existe unha ambulancia parada no hospital do Salnés que conta con persoal técnico, facultativo e de enfermería do servizo de urxencias do propio hospital, con gardas localizadas e remuneradas para tal fin.
“Sábeno desde hai meses porque están advertidos, e aínda así persisten”, de aí, insistiu Prado, o “delictivo da súa actuación”.
“A única razón para ter parada unha ambulancia destinada ao traslado entre hospitais pode ser a de que o PP xustifique dentro de pouco que non sexa necesaria e polo tanto, se acabe eliminando”, indicou.
“Nin o BNG nin a veciñanza, nin os profesionais imos aceptar esta desprotección porque falamos das vidas e saúde das persoas”, afirmou para a continuación esixirlle ao PP que “rectifique” e deixe de “maltratar a comarca do Salnés”.
A deputada do BNG xustificou a urxencia da pregunta na Comisión de Sanidade deste xoves pola alarma social xerada despois de que, diante de varias emerxencias na zona, a ambulancia medicalizada non estivese dispoñible para prestar asistencia.
Na súa exposición, Prado lembrou o sucedido o pasado 12 de novembro no concello do Grove, despois de que se producise un incendio nunha vivenda na que morreu unha persoa e unha das afectadas tivo que ser ingresada na UCI do hospital de Montecelo. Segundo relatou, a asistencia e traslado das vítimas foi realizada por unha ambulancia básica mentres a medicalizada (ASVA) estaba ocupada trasladando unha persoa doente non crítica do hospital do Salnés ao hospital Montecelo e mentres a ambulancia destinada a esta fin estaba parada na porta do hospital do Salnés.
Tamén exemplificou a ausencia da ambulancia cun altercado ocorrido o 18 de novembro en Cambados, no que resultou ferido de gravidade un policía local e outros dous de menor gravidade. Tampouco estivo dispoñible diante dun infarto en Caldas, nin onte mesmo, cando se produciu un atropelo a un ciclista.
En todas estas ocasións “púxose en evidencia as consecuencias de que a ambulancia medicalizada non estea dispoñible e polo tanto poida prestar atención rápida e cos recursos precisos”, advertiu.
Recordou ademais que os e as profesionais que prestan servizo na ambulancia de soporte vital avanzado do Salnés xa denunciaron no mes de setembro esta situación sen que por parte da Xunta se rectificase, “persistindo nesta decisión que pon en risco a saúde e a vida da veciñanza do Salnés e xerando un sufrimento innecesario”, recalcou.
É por iso que lle preguntou ao PP se se vai rectificar esta decisión de utilizar a ambulancia medicalizada do 061 con base no Hospital do Salnés para realizar traslados entre hospitais, salvo casos excepcionais, e cal é a razón pola que se non están realizando os traslados coa UVI móbil destinada a esta fin.
O PP non só non respondeu ás preguntas da deputada senón que se limitou a facer de “contestador automático”, cunha resposta “robotizada”, lendo textualmente unha contestación escrita do 061 e repetindo os argumentos do xerente da área sanitaria Pontevedra-Salnés, que “á parte de mentir, están tachando de mentireiros e alarmistas aos profesionais do 061 que teñen enviadas múltiples incidencias por o uso incorrecto da ambulancia medicalizada porque eles e elas están alí e saben que tipo de doentes trasladan”, recriminou Prado.
Outra das demandas do BNG e que Montse Prado lle lembrou ao PP é a de que a ambulancia medicalizada permaneza na súa base do hospital do Salnés os 12 meses do ano e que se reforce con outra ambulancia en Sanxenxo e O Grove no verán debido á alta afluencia de visitantes.
Ademais, a deputada nacionalista preguntou a que agarda a consellería para dotar as ambulancias de Soporte vital Avanzado de dous técnicos en lugar de un como teñen na actualidade.