Ana Pontón: “A ilegalidade das concesións da AP-9 é unha oportunidade clarísima para rescatala”

Luís Bará e Ana Pontón
Luís Bará e Ana Pontón

Pide ao Estado e Xunta que traballen conxuntamente nesa dirección que o Bloque defenderá tanto no Parlamento como no Congreso

Levará á Cámara a reprobación dos gobernos de PP e de PSOE polas ampliacións. Pontón: “Os galegos e as galegas merecen unha desculpa”

BNG sempre denunciou que as peaxes da AP9 son unha estafa e unha discriminación con Galiza, de aí a súa persistente reclamación dunha autoestrada galega e libre de cargas. Pero a  Comisión Europea ven de ditaminar que, ademais, as ampliacións da concesión até 2048 son ilegais e, por tanto, tamén as peaxes cobradas baixo esas ampliacións.

Unha declaración de ilegalidade que, para a portavoz nacional, Ana Pontón, só pode ter como desenlace a cancelación da concesión e o rescate da AP9 libre de peaxes, como xa o son as autoestrada coetáneas.

“Esa declaración de ilegalidade é un elemento determinante que abre unha porta clarísima: a da supresión da concesión e do rescate da AP9, e desde o BNG entendemos que o Goberno do Estado e Goberno galego deben camiñar xuntos para cruzar esa porta”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, “as concesións son ilegais e ambos executivos deben traballar para anulalas e rescatar a autoestrada”.

De feito, subliñou, esa é a posición que o Bloque defenderá tanto no Parlamento como no Congreso. A líder nacionalista salientou que a autoestrada está “requeteamortizada” e que AUDASA ten recadado máis de mil M€ en peaxes baixo concesións declaradas ilegais.

A portavoz do BNG lembrou o rescate das radiais madrileñas por máis de 4.000 M€, por tanto non sería admisible que agora PP e PSOE puxeran problemas coa AP9. “Os galegos e as galegas están fartas de peros o que queremos é unha AP9 libre de peaxes igual que outras autoestradas da súa xeración, máxime cando se nos di que se cobraron 1.092 M€ ilegais, menos escusas e máis compromiso con Galiza”, recalcou.

Pontón avanzou que a formación nacionalista levará ao Parlamento unha proposta de reprobación dos gobernos que fixeron as ampliacións, “porque os galegos e as galegas merecen unha desculpa por unha decisión que tivo e ten un custe moi elevado nas súas economías e nas do País”.

Na comparecencia, o portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, destacou a “complicidade” do Goberno de Feixóo ante unha ilegalidade da que xa advertiu o Consello Consultivo nun informe, pero que ignorou sen que adoptar ningunha medida. Ao que se suma que, coñecida a declaración de Bruxelas, nada fai desde o Executivo por defender os intereses de Galiza.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG