BNG urxe á Xunta a presentar o anteproxecto da nova Lei do Xogo que se adecúe á actual realidade das casas de apostas

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro recorda ao Goberno galego que comprometera un novo texto en 2016 e que segue sen presentalo pese á que a lei en vigor é xa de 1985  

BNG urxiu á Xunta a presentar no Parlamento o anteproxecto da nova Lei do Xogo de Galiza porque a que está actualmente en vigor data xa de 1985 e non regula a realidade actual, marcada polos cambios evidentes tanto no xeito de apostar, como nos lugares, cunha presenza crecente das casas de apostas.

Nunha pregunta parlamentaria, o deputado nacionalista Daniel Castro recordou que o Goberno galego comezou a falar dun novo anteproxecto de lei en 2016, “xa que é un dos poucos no Estado que non a renovaron” e que, sen embargo, “en abril de 2022 seguimos sen ela”, pese a que, segundo recalcou, “estamos ante un problema gravísimo que causa perda de saúde mental, adicción, empobrecemento e baixada do rendemento académico”.

Logo de advertir que “hai familias rotas, familias sen medios que quedaron sen nada porque algún dos seus membros caeu na adicción do xogo das casas de apostas”, lembrou que en 2019 o Executivo do PP elaborou un borrador da nova lei do que o propio presidente do Consello Económico e Social (CES), o exconselleiro Agustín Hernández, chegara a valorar no seu día que “algúns dos seus fragmentos parecen incidir na naturalización da actividade, póndoa en valor, deixando case de lado os grave problemas que ten ocasionado” ou que “practicamente non regula a figura do xogo en liña, á que accede maioritariamente a poboación”.

Neste sentido, alertou sobre distintas informacións nos últimos tempos que daban conta, entre outras, das acusacións da Audiencia Nacional contra a Xunta por protexer os intereses económicos dalgunhas empresas de xogo fronte a outras, das supostas relacións dalgúns empresarios do sector (en concreto citou aos irmáns donos de Luckia) que apareceron como doadores de 100.000 euros ao PP na trama Gürtel ou da incorporación do exministro do PP, Rafael Catalá, á empresa de apostas Codere.  

Ante este tipo de informacións, Castro cuestionou se a Xunta puidera “non estar facendo nada porque son os seus amigos ou os seus militantes os que dirixen estas empresas, mentres hai rapaces e rapazas que seguen deixando as súas vidas en Luckias e Coderes”, polo que concluíu convidando ao Goberno galego a disipar calquera tipo de dúbidas comprometendo a presentación no Parlamento do anteproxecto da nova Lei do Xogo.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG