BNG urxiu á Xunta no Parlamento galego a solucionar de inmediato os problemas na sanidade pública de Soutomaior, dotando os centros de saúde de máis médicxs e profesionais sanitarios e rebaixando os cupos que, segundo denunciou o deputado Manuel Lourenzo, alcanzan niveis inadmisibles, con tan só dous facultativos e un titular de Asistencia Pública e Domiciliaria (APD) nun concello de 7.500 habitantes.
Lourenzo -que enmarcou o que acontece en Soutomaior no contexto de “desmantelamento da Atención Primaria e do conxunto da sanidade pública” que desenvolve o PP por todo o país- cualificou a situación de “colapso”, con listas de espera de ata tres semanas, profesionais con “70 ou 80 consultas diarias”, baixas e vacacións que non se cobren, un servizo de pediatría con itinerancias “que non sabemos cando temos e cando non” e o persoal de enfermería e de administración (PSX) “ao límite”.
“Hai escasas semanas, o centro de saúde quedou cun único médico para 7.500 habitantes”, recriminou, para a continuación advertir da súa imposibilidade para saír a atender as urxencias, “co risco que isto implica para a veciñanza”.
O deputado nacionalista reprochou ao PP que negue aos veciños e veciñas de Soutomaior “algo que é unha necesidade imperiosa”, rexeitando no Parlamento galego as iniciativas presentadas polo Bloque para solucionar o grave déficit na atención sanitaria que sofre o concello. “Ata en oito ocasións trouxemos á Cámara esta situación e a pregunta é por que o PP, a pesar do clamor social e da unanimidade política despreza deste xeito á veciñanza de Soutomaior”, cuestionou con severidade na defensa desta iniciativa que tamén foi rexeitada polo grupo parlamentario do PP.
Lourenzo incidiu durante a súa intervención nos elevadísimos cupos que deben afrontar os profesionais nun municipio no que hai 5.761 tarxetas sanitarias, das que 868 corresponden co cupo de pediatría. “As 4.803 restantes son atendidas por tres médicos -incidiu- e as contas son claras: 1.601 para cada un”.
Neste sentido, concluíu advertindo da saturación dos profesionais -aos que quixo recoñecer o seu extraordinario traballo nestas circunstancias- e da desesperación da veciñanza, cunha Atención Primaria sen presencialidade e con esperas de semanas na atención telefónica que acaba tendo que “fuxir á sanidade privada”.