O BNG empraza á Xunta a procurar solucións ante o desabastecemento de medicamentos de primeira necesidade nas farmacias e nos hospitais galegos, unha problemática que se leva denunciando na Cámara dende hai varios anos.
A portavoz de Sanidade Hospitalaria, Iria Carreira, advertiu que “a páxina de fármacos con problemas de distribución da Axencia Española do Medicamento recolle un listado onde se inclúen medicamentos de practicamente todas as clases”, unha situación fronte á que o Goberno do PP só ofrece “inacción”, recriminou, e só medición e comunicación da falta de desabastecemento, mais non a inclusión deste problema na axenda pública ou nas reclamacións pertinentes ao goberno central.
A deputada do BNG detallou que presentan problemas de abastecemento medicamentos como “os antiinflamatorios, os antidiabéticos orais, os antiagregantes, a morfina en comprimidos ou os antibióticos”, explicou, e sinalou que a falta máis preocupante é a de amoxicilina en xarope ou sobres en pediatría, nun contesto de aumento das patoloxías infecciosas respiratorias. Segundo desglosa a AEMPS, 1.105 presentacións farmacolóxicas presentaban problemas de abastecemento en xuño.
Carreira sinalou que a lóxica que responde unicamente aos intereses privados, sen intermediación pública, orixina problemáticas coma estas, xa que “vemos como hai fármacos que non se poden atopar no estado español, pero si en Noruega, sen que se presente ningún tipo de problema de subministro”, recriminou. De feito, esta situación deriva en que hai fármacos “que só están comercializados por un único laboratorio, o que fai pender a súa dispoñibilidade dun fío moi fino”, criticou.
A deputada do Bloque emprazou ao Executivo dos Populares a significarse nesta demanda e, ou ben levar á protesta ao goberno central, ou ben demandar competencias na materia, compromisos aos que non se referiu nin aceptou a xerente do SERGAS na comisión parlamentaria.