A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, insta ao goberno español a cumprir a “Resolución contra o avance do neofascismo” aprobada o 24 de outubro do Parlamento Europeo para que poida executar a ilegalización da Fundación Franco xa que no seu artigo 20 urxe “aos Estados Membros a prohibir as fundacións, asociacións, organizacións que fan apoloxía do fascismo, do nazismo e que incitan ao odio”. Miranda insta asemade a concluir a eliminación da simboloxía franquista e retirar os restos do ditador do Val dos Caídos.
Ana Miranda, en representación do grupo Verdes-ALE, diríxese ao Consello mediante unha pregunta conxunta coas eurodeputadas impulsoras da resolución -Soraya Post (S&D), Eleonora Forenza (GUE-NGL) e Roza Gräfin von Thun (EPP)- para a súa resposta escrita na que reclaman información ao propio Consello se levaron a cabo algunha iniciativa para que os Estados Membros executen as indicacións da Resolución.
No seu escrito, as eurodeputadas consideran que fronte o avance “impune” dos grupos neofascistas e neonazis en Europa é imprescindible poñer en marcha medidas que salvagarden a democracia e os dereitos humanos, en particular os referidos aos dereitos das minorías. “Non podemos quedar de brazos cruzados mentres os franquistas saen tranquilamente á rúa”, defende Ana Miranda.
Ademais, as eurodeputadas preguntan que proxectos ten previsto levar a cabo a Comisión para frear os discursos que incitan á violencia tanto nos espazos públicos como na rede. “Hoxe, 20 de novembro é un día ben sinalado para loitar contra o fascismo e amosar a nosa total solidariedade coas feministas do grupo FEMEN que foron brutalmente atacadas polos franquistas este fin de semana pasado”, salienta a eurodeputada do Bloque.
Apoio aos 19 de Meirás
Miranda lembra que a resolución aprobada polo Parlamento Europeo tamén fai referencia á denuncia presentada pola Fundación Franco contra o grupo de 19 activistas pacíficos que ocuparon simbolicamente, en agosto do pasado ano, o pazo de Meirás para defender a devolución deste inmoble.
“Estamos diante dunha anomalía democrática que debe ser corrixida con urxencia”, destaca Ana Miranda, quen lembra que nin en Alemania existe unha fundación Hitler, nin en Italia unha fundación Mussolini, nin en Portugal unha fundación Salazar.