BNG urxe a rectificación do MITMA pola supresión de paradas na Galiza nos autobuses de competencia estatal

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego denuncia a proposta do Goberno de deixar sen un servizo tan fundamental a 23 concellos da Galiza o que afectaría a máis de 130.000 galegas e galegos

Demanda incluír criterios que vaian máis alá dos puramente economicistas para asegurar servizos públicos aos habitantes de todas as localidades e non aumentar máis a fenda entre zonas urbanas e rurais.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar preguntas relativas á necesidade de que o Goberno do Estado rectifique e non aplique os recortes nos servizos de autobuses de competencia estatal na Galiza derivados da futura Lei de Mobilidade Sostíbel. Rego reclama ao Ministerio de Transporte que dea marcha atrás no seu propósito de recortar as paradas de liñas de autobús que afectaría a 23 poboacións na Galiza. Apunta a que esta política vai na dirección contraria a garantir o dereito dos cidadáns do medio rural a acceder á mobilidade en condicións de igualdade, ademais de ser unha medida que promove o uso do vehículo particular.

A finais de maio, o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana presentou o novo mapa concesional das liñas de autobuses de competencia estatal alegando que o actual non reflicte a realidade. Segundo os datos aportados incrementouse a demanda en contornas urbanas frente ás zonas rurais que experimentaron unha redución por caída demográfica. Así mesmo, o MITMA engadiu razóns económicas e a necesidade de facer roteiros máis rendíbeis.

“No novo mapa presentado desaparecerían as paradas de 23 poboacións na Galiza con percorridos interautonómicos” denuncia o deputado do BNG. Entre os concellos afectados atopamos A Pontenova, Meira, Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Palas de Rei, Monterroso, Chantada, Quiroga, Allariz, Ribadavia, Trasmiras, Riós, A Mezquita, Silleda, Lalín, Forcarei, O Porriño, Tui, Arzúa e Melide. “Estes recortes afectarían a unha poboación que se aproxima a 136.000 persoas” subliña Rego mentres apunta a que o novo plan só inclúe unha nova parada, en Sanxenxo, mais só para a súa conexión con Madrid.

Ademais, segundo lembrou o deputado nacionalista, á eliminación de paradas de autobuses súmase, nalgunhas zonas, aos recortes de servizos ferroviarios ou ao feito de non contar con servizos de tren. “De levarse a cabo, fraco favor fará o Ministerio ás áreas que máis sofren o despoboamento ao minguarlle os servizos en mobilidade. Sería desexábel que o Ministerio reformulase estas formulacións e priorizase o mantemento de servizos de mobilidade como servizos públicos esenciais” destaca.

“Queremos coñecer a disposición do Goberno para dar marcha atrás no propósito de recortar as paradas de liñas de autobuses interautonómicos de competencia estatal” enfatiza. Así mesmo, a organización nacionalista entede que este tipo de políticas van na dirección contraria de garantir o dereito de cidadáns de vilas rurais ou de menor poboación a acceder á mobilidade. “Non se poden rexer puramente por criterios economicistas para decidir a supresión de paradas de autobús senón que debe primar o ben común e asegurar servizos públicos aos habitantes” asevera.

O BNG entende que o MITMA debe retirar a proposta e o recorte exposto no Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostíbel para os servizos de liñas de autobuses na Galiza, “contribuíndo así á cohesión social e territorial, de forma que non se aumente a fenda entre as zonas urbanas e as áreas máis rurais ou de menor poboación”.

Paralelamente, o deputado nacionalista entende que non se trata dunha decisión adecuada xa que, ademais dos argumentos expostos, cabe destacar que a eliminación das paradas de autobuses promovería o uso dos vehículos privados por estrada. “No ámbito social e político na Galiza está habendo queixas xa pola nova formulación proposta polo Ministerio, queremos coñecer a disposición que ten o Gobern para escoitar as demandas da veciñanza” destaca.

Rego lembrou, ademais, que no pasado mes de abril a organización soberanista dirixiuse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para interesarse polo Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostíbel. “Poñiamos de relevo a contradición do Ministerio que, por un lado, no plano teórico, establecía a mobilidade como un dereito e un elemento que contribúe ao Estado do Benestar, pero na súa formulación práctica a norma propón a eliminación de servizos de transporte colectivo, neste caso as liñas de autobús” destaca o deputado do BNG.




 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG