Congreso

BNG urxe o estabelecemento de equivalencias no caso dunha invalidez recoñecida no estranxeiro

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego trasladou ao Congreso a situación de moitos e moitas pensionistas emigrantes retornados que deberían estar desfrutando de exencións e beneficios fiscais pola súa invalidez e que se atopan sufrindo un trato fiscal inxusto.

O BNG xa ten denunciado reiteradamente que o actual sistema impositivo non está contribuíndo a corrixir as desigualdades económicas nin a redistribuír a riqueza, sendo crucial que se introduzan cláusulas que permitan o recoñecemento dos certificados de invalidez de calquera outro Estado.

O BNG denuncia no Congreso o trato que están a recibir moitos e moitas pensionistas galegas emigrantes retornados, especialmente, as que cobran unha pensión por invalidez do estranxeiro e que seguen sen ter un marco que regule de forma clara o recoñecemento da equivalencia destas situacións.

Xa desde o ano 2013, o colectivo dos emigrantes retornados, coa Coordinadora Nacional Galega á cabeza, tivo que mobilizarse para dar resposta ás inxustizas arbitrada desde a facenda estatal. Miles de galegos e galegas viron como despois de traballar durante anos fora do país, cando finalmente poden volver á terra, recibían un trato fiscal inxusto e eran tratados como defraudadores, soportando multa e requirimentos. Grazas á súa mobilización conseguiron que moitas persoas recuperasen o perdido. Pero isto non é suficiente, como salienta Néstor Rego “os problemas de dobre imposición e de trato inxusto continúan hoxe en día”. Neste sentido, é especialmente grave o que acontece coas pensións de invalidez que se reciben do estranxeiro, pois segue sen existir un marco que regule de forma clara o recoñecemento destas situacións, o que sumado á saturación dos organismos públicos que realizan os recoñecementos, e aos retrasos derivados da COVID19, fai que moitas persoas pensionistas ás que se lle deberan aplicar exencións e beneficios fiscais pola súa invalidez, seguen a recibir un trato fiscal inxusto pois non se lle ten en conta.

O deputado Néstor Rego salientou que “o BNG xa ten denunciado reiteradamente que o actual sistema impositivo non está contribuíndo a corrixir as desigualdades económicas nin a redistribuír a riqueza”. Ao contrario, os nacionalistas consideran que as decisións que se foron tomando ao respecto por parte do Goberno español ao longo da última década e concretamente, no período posterior á crise económica e financeira de 2008, “camiñaron na dirección contraria, prexudicando gravemente á maioría social”. Un dos sectores máis afectados foi o dos e das pensionistas da Galiza e de forma especial, as e os emigrantes retornados.

Neste sentido, a Coordenadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados advirte agora de como se ven especialmente afectadas nos últimos anos as persoas que reciben unha pensión de invalidez do estranxeiro, dado que non se recoñece automaticamente o grado de invalidez outorgado. A Plataforma entende, e o BNG comparte esa opinión, que a administración debe buscar una vía de recoñecemento e regulación que non obrigue aos xubilados e xubiladas a acudir á vía xudicial ou asumir un trato inxusto, perdendo recursos económicos que lles pertencen por dereito.

É necesario polo tanto que, o Goberno español nas negociacións dos convenios de dobre imposición demande a introdución de cláusulas que permitan o recoñecemento dos certificados de invalidez de calquera dos Estados contratantes. Do mesmo xeito, é necesario que defenda internacionalmente o recoñecemento das equivalencias dos diferentes graos de discapacidade.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG