Senado

BNG urxe axilizar o Protocolo sobre os obxectores de conciencia e garantir o dereito ao aborto na sanidade pública

Carme da Silva
Carme da Silva

A senadora do BNG exerce presión sobre o Goberno para que se realicen de forma inmediata todas as xestións necesarias que garantan a interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública

Carme da Silva volve rexistrar iniciativas, ante a inacción e retraso de Sanidade, para que “actúe dunha vez” e saque adiante o Protocolo

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas para  axilizar o protocolo para a xestión dos rexistros de obxectores de conciencia e garantir o dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública. Máis unha vez, o BNG, a través da senadora, Carme da Silva, insiste na necesidade de que o Ministerio de Sanidade impulse o protocolo, evitando as obxeccións en bloque, e non continúe a pór en risco as mulleres que están vendo vulnerado un dereito fundamental.

A Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo regula a obxección de conciencia e inclúe a elaboración de rexistros de obxectores na sanidade pública a cargo das Comunidades Autónomas. Para posibilitalo, o Goberno debe confeccionar e publicar o protocolo correspondente para a xestión dos citados rexistros que, segundo lembra da Silva, non consiste en facer listas senón en poder garantir a prestación deste servizo na sanidade pública e poder planificar os medios para evitar as dificultades que se poidan derivar de situacións de obxección de conciencia en bloque.

Desde comezos da lexislatura, a senadora do BNG interesouse pola elaboración deste protocolo e foron varias as iniciativas rexistradas. O Ministerio de Sanidade contestou ao BNG que “estaban traballando na elaboración do mesmo”. O certo é que este é un primeiro paso que se debe impulsar por parte do Goberno “para que non se empregue, por parte dalgunhas autonomías, como argumento para non ter listos os rexistros”.

“O Ministerio debe facer público o documento e explicar as súas propostas. Non se entende por que tanto retraso á hora de publicalo. Sanidade debe actuar dunha vez e sacar o protocolo adiante” sinala Carme da Silva.

As Administracións públicas, defende a senadora do BNG, deben garantir o dereito das mulleres á prestación de interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública, ademais de adoptar as medidas precisas para impedir que grande parte do persoal médico se declare obxector na sanidade pública pero se preste á práctica de abortos na privada. “Para logralo é necesario desenvolver, con maior celeridade, os Rexistros de persoas obxectoras previstos na norma antes citada” sentenza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG