O Bloque Nacionalista Galego denuncia a pasividade do Goberno do Estado e, no concreto, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación na defensa do sector pesqueiro da Galiza após coñecer a cota pesqueira aprobada polos 27 estados membros, decisión que prexudica a frota pesqueira galega, sobre todo a do cerco e do sector da anguía. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o rexistro de iniciativas no Congreso para que o MAPA explique a postura do Goberno do Estado español neste Consello de Ministros de Pesca e as accións ou medidas compensatorias que levará a cabo para paliar as graves consecuencias que provocará esta decisión ao sector pesqueiro galego.
O Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea aprobou os totais admisíbeis de capturas (TAC´s) de pesca para 2023. O Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, valoraba como positivo “para España e o sector pesqueiro” o acordo alcanzado. Unhas declaracións que a organización nacionalista recrimina e sinálaas como “unha mostra máis do pouco interese que ten o Goberno do Estado español por defender o sector pesqueiro galego”.
“As capturas admisíbeis aprobadas para 2023 supoñen unha nova discriminación para a pesca galega, sobre todo para o sector do cerco” afirma o deputado nacionalista. A respecto do xurelo, o recorte en 95% das capturas -de 70.000 toneladas a 3.200- supón un grave dano para o sector do cerco galego e a frota de arrastre. “Hai buques galegos do cerco para os que o xurelo supón 60% das capturas totais” alerta Rego.
“É lamentábel que o Goberno do Estado non defendese os intereses do sector pesqueiro galego e se conforme cun acordo que volve prexudicar á Galiza, un sector estratéxico e fundamental na economía galega e que debe protexerse de forma urxente e asegurar o seu desenvolvemento futuro” destaca Néstor Rego. En opinión do deputado, o sector pesqueiro galego vén cumprindo a normativa e o que recibe por parte das diferentes administracións “é desprotección e malas noticias”.
Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso rexistrará de urxencia unha batería de preguntas para reclamar ao Goberno do Estado axudas e medidas compensatorias para paliar as graves consecuencias que supón, unha vez máis, unha decisión deste calibre. Ademais, pregunta se o Ministerio de Pesca fará xestións con outros países para lograr aumentar a cota por medio de intercambios. “O Ministerio de Pesca ten que estabelecer medidas que compensen esta decisión e dar á Galiza a protección adecuada como zona altamente dependente da pesca” salienta Rego.