BNG urxe ao goberno a implantar medidas contra o descenso da produtividade marisqueira na ría de Arousa afectada por vertidos contaminantes

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosa Pérez preguntou si existen estudos sobre a incidencia da contaminación procedente dos ríos Ulla, Umia e Sar na calidade das augas da ría de Arousa e nos bancos marisqueiros e cales foron os resultados

Asemade  defendeu unha proposta para elaborar  estudos e informes sobre o impacto social, económico e laboral sobre o sector pesqueiro da modificación da  Directiva europea de Tributación da Enerxía e defender ante Europa que “Galiza é un país altamente dependente da pesca”. O Partido popular  votou en contra da  iniciativa nacionalista

A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez urxiu ao goberno galego a “implantar medidas contra o descenso da produtividade marisqueira na ría de Arousa”.

A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada afirmou que o estado e calidade das augas das rías galegas “dista moito aínda de ser o óptima” e, precisamente, os datos recentes  de Augas de Galiza confirman o aumento de vertidos na ría ” coa detección, até o mes de setembro de 458 vertidos, “14 máis que no ano 2020” e deles, 53 superan o parámetros establecidos para ser considerados contaminantes.

O exemplo máis recente da perda de produción do marisqueo na ría de Arousa, explicou Rosan Pérez, viviuse, “outro ano máis”, na campaña de libre marisqueo, onde moitos profesionais falaban xa claramente da necesidade de poñer en marcha ambiciosos plans de rexeneración. “Unha campaña con ínfimas capturas e ingresos ao sector”, segundo os datos das poxas  en lonxa e o emprego de menos barcos,  arredor de 400 fronte aos máis de 800 que faenaban hai moi poucos anos nos Lombos do Ulla, remarcou a nacionalista.

Pero  non só as confrarías falan abertamente do que a deputada cualificou de “desfeita”. Recentemente, a Asociación Galega de Depuradores de Moluscos (AGADE)  confirmaba  os datos de primeira venda: Na ameixa babosa a produción superaba as 800 toneladas no 2010, 666 en 2016, 610 en 2017, 501 en 2018, 494 en 2019, 381 no 2020 e 127 no 2021, uns datos, que a xuízo da deputada fan soar todas as alarmas.

Ademais  dos vertidos de augas residuais, o sector, dixo,  manifestou que hai outros factores que sen dúbida poden estar incidindo na calidade das augas da ría de Arousa e dos que, dende logo, poucos datos e escasa información transcendeu: “contaminación que afecta á ría procedente do río Ulla fundamentalmente, pero tamén do Umia e Sar, falla de control de expulsión dos sedimentos que se almacenan no encoro de Portodemouros, graves e continuados vertidos industriais contra os que non se actúa e, en moitos casos, nin sequera se investiga”.

Tras a intervención da Directora do INTECMAR, Covadonga Salgado que achacou a mortaldade de moluscos bivalvos ás condicións meteorolóxicas e aparición de patóxenos e responsabilizou aos concellos dos vertidos, a parlamentaria do BNG criticou  que a administración eluda  o problema grave de diminución marisqueira  como  “ un feito” e que agás o berberecho, o resto das especies “non baixaron tanto”. Rosana Pérez   volveu a reclamar  “medidas concretas” para recuperar a produción marisqueira na ría de Arousa e o compromiso do goberno para iniciar as investigacións dos vertidos.

O PP rexeita a proposta do BNG para elaborar  estudos e informes sobre o impacto social, económico e laboral sobre o sector pesqueiro da modificación da  Directiva europea de Tributación da Enerxía e defender ante Europa que Galiza é un país altamente dependente da pesca

Na mesma comisión de pesca, a nacionalista defendeu unha proposición non de lei instando  á Xunta a  “demandar  do Goberno do Estado un posicionamento claro ante  o  “Fit for 55” e a proposta da Comisión Europea sobre a modificación da Directiva de Tributación da Enerxía, así como elaborar, en colaboración co sector, estudos e informes sobre o impacto social, económico e laboral que tería a modificación da Directiva de Tributación da Enerxía no sector pesqueiro galego e no conxunto da economía do noso país.

Por outra banda, a proposta do BNG incluía defender o carácter de Galiza como “país altamente dependente da pesca diante da Unión Europea” e iniciar todas as accións que se consideren tendentes a reverter a proposta da Comisión Europea e os seus efectos sobre a frota galega. Este punto da proposición non de lei suscitou un agrío  debate entre a deputada Rosana Pérez e o portavoz do PP, Balseiro Orol que tras anunciar o voto a favor da iniciativa nacionalista propuxo votar por puntos para rexeitar o relativo á defender ante Europa,  “o carácter de Galiza como país altamente dependente da pesca”.

Rosana Pérez lamentou o voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista e lembrou que a modificación da Directiva xa superou o pasado día 18 a súa fase de recepción de consideracións, que serán trasladadas  ao Consello e ao Parlamento europeo, pero a proposta, afirmou, reflicte  que “non haberá medidas de compensación” a pesar  das advertencias do sector pesqueiro para  soportar máis custos. De materializarse a modificación da directiva europea,  “o impacto  económico e social será incalculábel” e o Partido popular e o Goberno galego deberán asumir a súa responsabilidade, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG