O BNG traslada ao sector do transporte as vantaxes da rebaixa das peaxes na AP-9 acadada grazas ao acordo de investidura

Encontro sector transporte
Encontro sector transporte
Ana Pontón e Néstor Rego comprometen coas asociacións sectoriais o traballo do Bloque para que as bonificacións sexan efectivas ao inicio de 2021

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, mantiveron unha reunión con representantes das asociacións de transporte de viaxeiros e mercadorías por estrada na que trasladaron ao sector as vantaxes da rebaixa das peaxes na A-9 acadada grazas ao acordo do BNG co Goberno do Estado.

Pontón e Rego avaliaron coas asociacións profesionais os beneficios que terá para a mellora da competitividade do sector este logro histórico que se traduce nunha partida de 50 millóns de euros nos Orzamentos estatais de 2021 para a bonificación de viaxes para os usuarios e usuarias recorrentes e dúas partidas adicionais para absorber o incremento anual de 1% que corresponde aos convenios de 2011 e 2013 (que non se repercutirán nas tarifas) e para a supresión da peaxe do tramo Vigo-Redondela.

Neste sentido, tanto a portavoz nacional como o deputado no Congreso comprometeron o esforzo do BNG para axilizar a tramitación das medidas e que se fagan efectivas xa a primeiros de ano. De igual xeito, recolleron as reclamacións do sector para que as bonificacións inclúan tamén ao transporte público e de mercadorías e aos vehículos de menos de 7.500 quilos, así como a conveniencia de dar un tratamento especial a tramos de especial densidade como o de Puxeiros-Porriño-Tui.

Na reunión, á que tamén asistiron o deputado Luís Bará e a deputada Alexandra Fernández, participaron representantes de ANETRA, TRANSGACAR, FEGATRAVI, FEGABUS, FEGATRAMER, FEGATRANS e FEGRAM.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG