O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas afirmou que á proposición de lei do Partido popular de recuperación da terra agraria de Galiza, carece dunha diagnose da realidade, non desenvolve as potencialidades das terras agrarias abandonadas e non conta cos recursos económicos, técnicos e humanos necesarios para o seu desenvolvemento.
O deputado avanzou que o BNG votaría en contra da iniciativa do PP si os populares non modificaban a proposición de lei e presentaban unha “verdadeira lei” coas achegas das organizacións, entidades e forzas políticas. Para o deputado, a proposta popular, “abre a porta a unha maior explotación forestal en detrimento das terras agrarias produtivas”.
Tras tildar o texto de “propaganda”, Xosé Luís Rivas reiterou a necesidade dunha verdadeira diagnose da actual situación agraria galega e elaborar unha memoria económica e organizativa con recursos técnicos e humanos, prioritarios na tramitación da lei. É preciso, dixo, “poñer freo á forestación das terras potencialmente agrarias” establecendo obxectivos de carácter anual e co número de hectáreas a recuperar.
Para o deputado, esta lei responde ao proceder do PP ao que culpabilizou de “tronzar de golpe” o proceso de rexeneración iniciado polo BNG durante o goberno bipartito con leis como a do Banco de terras. Vostedes, reiterou , son “culpables” de 12 anos de “indolencia , abandono de funcións” e propiciar un “estado calamitoso” con miles de explotacións pechadas dende o ano 2009.
Esta proposición de lei, dixo o nacionalista, forma parte, do “paquete de entrega e venda do territorio aos negocios das multinacionais e dos poderes económicos, en contra dos intereses da sociedade galega”.
Rivas pon en valor o paso do BNG polo goberno galego
O nacionalista aludiu á lei do BNG do ano 2007 baixo o título de “Conservación da Superficie Agraria Útil e do Banco de Terras de Galicia” fronte ao texto que hoxe presenta o PP “Recuperación da Terra Agraria de Galicia” . Daquela, explicou, o obxectivo era “conservar” e doce anos despois xa temos que falar de “recuperar”.
A lei do BNG tentaba recuperar e poñer a producir terreos abandonados. É resulta curioso que nas 174 páxinas da proposición de lei que queren tramitar nada se fale de reverte-la situación da terra de vocación agropecuaria que actualmente se encontra ocupada por plantacións forestais.
O parlamentario criticou a intervención da portavoz popular, Elena Candia López e destacou que no Proxecto do PP as Oficinas Agrarias Comarcais redúcense a entidades colaboradoras, Agader non conta con estrutura territorial, non existe unha oferta real para a reinstalación de familias en explotacións ben dimensionadas en réxime de aluguer ou compra e descoñecemos para quen e con que uso serán mobilizadas terras.
Rivas insistiu na necesidade de utilizar a lei como principio do Plan Integral de Dinamización e Recuperación do Rural e para iso é preciso, dixo, a participación dos axentes do sector na tramitación parlamentaria da proposición de lei.
Fixada a situación de partida, os obxectivos a lei deben perseguir o “mantemento da capacidade produtiva da terra, mobilizar superficies agrarias útiles que na actualidade son improdutivas, dinamizar o mercado da terra, promover modelos de explotación de carácter extensivo, garantir o cultivo racional, camiñar cara unha agricultura sustentable e compatible co medio ambiente, protexer os bens públicos e privados preservando as fincas colindantes e “converter a terra nun factor de riqueza colectiva”, concluíu.