O BNG tilda de estafa que a Xunta premie con 2,88 M€ á banca para instalar caixeiros tras pechar oficinas e recortar emprego

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo, pleno Parlamento

Lourenzo: “O mesmo Feixóo que di en tantas ocasión que non hai cartos para sanidade ou educación subvenciona á banca con recursos públicos”

Propón que as autoridades económicas establezan unha regulación que impida aos bancos deixar á poboación sen un servizo básico e advirte do efecto chamada de dar subvencións

 

O BNG considera unha “estafa” que o Goberno do PP destine 2,88 millóns de euros a sufragar ás entidades bancarias para que instalen caixeiros en concellos nos que previamente pecharon oficinas, coa consecuente supresión de postos de traballo, e suprimiron igualmente o servizo de caixeiro que podería cando menos garantir servizos mínimos como a retirada de efectivo ou o pago de recibos.

Eses 2,88 millóns de euros, cuxas condicións de adxudicación se recollen nunha orde da Consellería de Facenda, implica destinar 700.000 euros anuais no período 2021-2025 para financiar aos bancos por prestar un servizo que debería garantir as propias entidades, como é que a poboación teña acceso ao seu propio diñeiro, entre outras prestacións básicas.

“É unha tomadura de pelo: resulta que con cartos públicos, os galegos e as galegas imos financiarlle aos bancos a instalación de caixeiros para que a poboación poda retirar o seu propio diñeiro. Unha banca que ten beneficios millonarios e á que xa rescatamos en 2009, mentres moitas familias soportaban a crise, mesmo perdendo as súas vivendas porque non podían pagar as súas hipotecas”, denuncia o viceportavoz parlamentario, Manuel Lourenzo.

Os concellos afectados están sobre todo no medio rural, e o Bloque considera unha tomadura de pelo que deixar a miles de persoas sen un servizo básico teña premio e mesmo advirte que pode darse un efecto chamada.

“Pechan oficinas, suprimen postos de traballo, deixan a miles de galegos e de galegas sen un servizo básico e a resposta do Goberno de Feixóo, -o mesmo que en tantas ocasión di que non hai recursos para financiar servizos públicos como a educación ou  sanidade-,  é subvencionar para que a banca siga engordando a súa conta de resultados. E máis, esta medida mesmo pode ter un efecto chamada, porque se un banco mantén o servizo, pero outro que pecha recibe subvencións da Xunta, que lle impide pechar para ter tamén esa subvención?”, advirte Lourenzo.

Para o Bloque, “a solución non está en seguir rescatando á banca, senón ás persoas. E para iso, as autoridades económicas e financeiras deben establecer unha regulación que garanta que a veciñanza, con independencia de onde viva, ten  acceso aos seus aforros e aos servizos bancarios básicos. Nesa dirección é na que se debe traballar e lexislar”, recalcou o parlamentario nacionalista.

En 2008 había en Galiza máis de 2.500 oficinas, a día de hoxe a cifra está arredor de 1.300 como consecuencia dun proceso de concentración bancaria que se traduce en menos emprego e menos oficinas deixando na exclusión financeira aos pequenos concellos, a maioría no rural, que ante o recorte progresivo de servizos ten difícil contrarrestar a perda de poboación.

Pero non é un proceso que só afecte ao rural, advirte Lourenzo: “Galiza perdeu na última década 51,52% das sucursais bancarias e agora mesmo este proceso continúa e non é en absoluto un proceso exclusivamente do rural ou de zonas pouco poboadas senón que as cidades están a ver como, coa coartada da pandemia, barrios enteiros quedan sen servizo”. Segundo un informe do Banco de España, hai 38 concellos galegos en situación de exclusión financeira porque non contan nin con oficinas, nin sequera con caixeiros.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG