Santiago de Compostela, 2 Outubro 2018.- A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na primeira xornada de traballo municipal que reuniu en Pontevedra aos candidatos e candidatas do BNG á Alcaldía das sete grandes cidades, punto de encontro que non foi casual senón a maneira de simbolizar que o Bloque ten un modelo urbano de éxito capaz de mellorar a vida das persoas.
“Temos un modelo que é a envexa de moitos e moitas, un modelo que funciona, que demostra a potencia que ten o BNG cando é capaz de poñer en marcha as súas alternativas”, salientou a líder nacionalista, e ese modelo pode ser aplicado en todas as grandes cidades galegas.
“Demostramos que temos un modelo urbano de éxito que consigue mellorar a vida das persoas e queremos aplicalo ao resto de cidades do país, obviamente desde as características de cada unha delas e respectando a personalidade de cada urbe”, explicou Pontón en presenza dos cabezas de carteis: Francisco Jorquera, pola Coruña; Rubén Arroxo, por Lugo; Luís Seara, por Ourense; Miguel A. Fernández Lores, por Pontevedra; Xavier Pérez Iglesias, por Vigo; Goretti Sanmartín, por Santiago e Iván Rivas, por Ferrol.
“Hai quen apostou no seu día por tirar o patrimonio urbanístico e construír disparates, pero no BNG pensamos que conservando o patrimonio somos capaces de mellorar o espazo urbano, combinado con novas intervencións que teñan en conta que o espazo público debe estar ao servizo das persoas. Falamos dun modelo de eco cidades que é o modelo de futuro”, explicou.
Pontón tamén destacou que o Bloque foi o primeiro en designar candidat@s nas grandes urbes, proba da cohesión e da vitalidade dunha organización preparada para “ir a por todas” nos comicios locais de maio.
“Somos a primeira forza que ten nomeados aos cabezas de lista para as sete grandes cidades, mostra de que nos tomamos moi en serio a preparación desas eleccións para poder presentarlle á sociedade galega un proxecto claro, un proxecto de cidade ilusionante”, explicou. Cos deberes feitos, “o obxectivo é utilizar o traballo de precampaña para fortalecer a presenza do BNG” de cara a unha cita coas urnas “na que non nós marcamos límites”, recalcou Pontón.
“Estamos convencidas de que o resulta das eleccións vai depender do traballo que fagamos de aquí a maio. Sóbrannos ganas de traballar e temos moita ilusión cun proxecto claro que seguimos mellorando para ofrecer ideas novas á cidadanía”, argumentou a líder nacionalista, quen destacou a vantaxe que supón “o aval” dos feitos. “Non nos limitamos a falar senón que demostramos cos feitos que somos capaces de transformar en positivo as cidades”, concluíu.