O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, solicitou este venres a comparecencia do Ministro de Economía, Luis de Guindos, para que acuda á Cámara a dar conta das medidas que vai adoptar o Goberno central fronte á grande estafa das participacións preferentes.
Jorquera lembra que esta estafa financeira afecta a milleiros de persoas no Estado, e na Galiza os afectados son case cen mil. O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, subliña que calquera solución a este grave problema debe pasar pola restitución íntegra dos seus aforros.
O portavoz do BNG no Congreso lembra que no Pleno da semana pasada o Executivo de Rajoy desaproveitou unha ocasión de ouro para incluir o tema das preferentes no último decreto de reforma financeira aprobado. Jorquera sinala, que nesa sesión, o mesmo Ministro recoñeceu que as participacións preferentes foran un engano á cidadanía, razón pola que o deputado do BNG demandou a actuación da Fiscalía.
Ante as dimensións deste escándalo, Jorquera considera que o Goberno ten o deber non só de actuar neste caso senón tamén de adoptar as medidas lexislativas precisas para que non se volva a repetir. Debe modificar as normativas para prohibir este tipo de produtos totalmente opacos.