O BNG saúda que o Estado reclame o Pazo de Meirás, mais agarda que a expectativa non acabe en burla

Luís Bará
Luís Bará

Aposta por manter a presión social e política para que os Franco non impoñan as súas teses e fai un recoñecemento as persoas e institucións que fixeron posible chegar a esta demanda xudicial

O BNG considera positivo que, por fin,  o Goberno central interpuxera unha demanda xudicial para recuperar o Pazo de Meirás e conseguir que sexa devolto ao seu lexítimo dono, que é o pobo de Sada. Sen embargo, advirte que é preciso non baixar a garda e manter tanto a presión social como a política ante uns herdeiros do ditador que xa demostraron a capacidade que teñen para impoñer as súas teses ante a Administración de Xustiza.

“É un paso adiante, un paso positivo, pero non está todo logrado senón que depende do percorrido que a Xustiza lle dea á demanda presentada polo Goberno do Estado e, polo tanto, convén estar alerta e que haxa unha gran mobilización social e unha gran demanda política para que a expectativa que abre esta demanda chegue a bo porto”, salientou Luís Bará autor do proxecto de Lei de memoria histórica presentada polo BNG e portavoz nacionalista no Parlamento neste materia, na que é experto.

Neste sentido, -indicou-, “o Bloque vai manterse alerta e vixiante para evitar que esta expectativa se converta nunha decepción e nun fracaso, porque pode darse o paradoxo de que se recoñeza a estafa e a apropiación indebida pero que, polo tempo transcorrido, se lle recoñeza a propiedade á familia Franco. Iso sería unha auténtica estafa e unha nova burla por parte do franquismo e dos seus continuadores”.

Por iso, o BNG considera que hai que ir máis alá e pide ao Goberno do Estado “valentía para facer todas as modificacións legais para que se recoñeza estes  feitos como o que foron: un xigantesco espolio e un roubo ao pobo galego de bens que son propiedade pública, para que non dependa todo unicamente da decisión da Xustiza porque sabemos da capacidade da familia Franco para litigar e utilizar todos os mecanismos que están ao seu alcance para conseguir que triunfen as súas teses”, alertou.

En nome da formación nacionalista, Bará tamén considera importante recoñecer o traballo, a implicación e a loita de moitas entidades, colectivos e persoas a título individual que teñen adicado tempo, esforzo e talento para acabar cos privilexios do franquismo incluíndo a devolución do patrimonio espoliado, con mención especial a dous nomes propios: Goretti Sanmartín na súa etapa como vicepresidenta da Deputación da Coruña, poñendo o apoio institucional a favor da loita de recuperación da memoria histórica e do patrimonio roubado; e Carlos Babio, historiador e escritor, autor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, cuxo inxente labor de documentación “permitiu coñecer ao detalle o proceso de apropiación do pazo por parte do ditador”. Pero tamén a institucións como a Asociación da Coruña de recuperación de memoria histórica, á Xunta pro devolución do Pazo de Meirás, entre outras.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG