O BNG considera que o Plan Estratéxico de Galiza 2022-2030 presentado pola Xunta na comisión parlamentaria de Economía “nace morto” xa que parte de “previsións inconsistentes e desactualizadas” que non se axustan á recente modificación das perspectivas económicas.
Así o afirmou o portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, quen recalcou que o documento presentado polo conselleiro de Economía non contempla nin o impacto na pandemia nin a crise económica provocada pola suba desorbitada dos prezos, coa inflación mías elevada dende 1985: “pararon o reloxo no momento adecuado, con datos de 2019 na maior parte, non fora a ser que a crúa realidade lles estrague a distopía na que están instalados”, recriminou.
Pérez criticou con severidade que o plan -que cualificou de “fume e propaganda”- non contemple as proxeccións macroeconómicas que apuntan a unha profunda crise, crise que o PP emprega de xeito partidista a nivel estatal como arma de confrontación política, pero que nega en Galiza e non contempla no Plan Estratéxico.
“Obvian vostedes unha inflación que todo apunta a que non se controlará até entrado o ano 2024, tampouco o cambio de tendencia en canto aos tipos de interese (co euríbor en positivo por primeira vez dende 2016 e o anuncio do BCE da primeira suba de tipos en 11 anos) ou o relaxamento das medidas expansivas do Banco Central Europeo no relativo á compra de débeda”, incidiu, para engadir a continuación outros factores como o aumento dos custos de financiamento de PEMES e economías domésticas, a ineludible pero custosa transición enerxética ou o aumento dos custos loxísticos pola guerra de Ucraína ou dos novos confinamentos en China pola COVID19.
“Ante este panorama, as previsións contidas no Plan Estratéxico -que estiman para Galiza un crecemento continuado dos recursos do sistema de financiamento, dos fondos finalistas de outras Administracións- quedan en cuestión”, reprochou, logo de advertir que os ingresos tributarios dos distintos niveis administrativos van sufrir unha contracción e que, ademais, o “absolutamente irrisorio” aumento das partidas destinadas a servizos básicos como sanidade, educación e políticas sociais, “ficaría absorbido pola inflación que sufrimos”. Segundo recalcou, nun contexto como o actual e nun escenario como o que se albisca, “facer iso é poñer en perigo servizos básicos dos que as clases populares deste País son totalmente dependentes”.
O deputado nacionalista repasou as principais cifras contidas no plan e advertiu que precisamente as políticas públicas en sanidade e educación ven “estabilizadas, se non minguadas, a súa aportación ao total dos orzamentos previstos” e que para promoción do emprego e institucións do mercado de traballo o que prevé é “directamente unha caída paulatina das partidas”. Logo de advertir tamén sobre a inconsistencia das previsións do impacto dos fondos Next Generation, apuntou a total ausencia no plan de obxectivos para aproveitar a produción de electricidade para o desenvolvemento de Galiza ou a total falta de ambición do Goberno do PP en I+D+i, ámbito fundamental para o crecemento do País, pero no que continúa “a anos luz das medias estatais e europeas de investimento, cun 1,09% en 2020, moi lonxe do obxectivo mínimo que deberiamos marcar para o 2030 e que sería do 3%”, tal e como acontece nos países do contorno europeo.
“Quedarse atrás nun factor tan determinante para a economía constituirá un lastre enorme para poder avanzar na mellora das condicións de vida das galegas e os galegos nos próximos anos”, afirmou para a continuación criticar que, en materia de política industrial, o plan tampouco establece obxectivos para completar cadeas de valor, “unha das oportunidades que presenta a existencia de fondos para a transformación do tecido industrial".
Sen obxectivos de financiamento
Pérez amosou a sorpresa do BNG ante a falta de obxectivos sobre financiamento, cuestión que, segundo subliñou, “debería figurar á cabeza de calquera plan estratéxico porque todo o demais depende disto” e, neste sentido, reafirmou a urxencia de mudar o actual sistema de financiamento (“sa imos fóra de prazo”, alertou) e mudalo por un que garanta a suficiencia dos recursos para atender as necesidades dos servizos públicos e impulsar políticas de promoción económica, é dicir, “un sistema de financiamento que garanta autonomía real sobre o ingreso e sobre o gasto”.
Logo de advertir que a converxencia de Galiza co Estado, máis que unha converxencia real polo aumento da riqueza total, “é unha converxencia pasiva” pola caída demográfica e pola emigración, o deputado nacionalista criticou que o plan non inclúa tampouco medidas efectivas para a mocidade, cun grave problema estrutural de desemprego xuvenil que eleva ao 64% a taxa de mozos e mozas que non son quen de emanciparse, un problema que tamén se fai extensivo ás mulleres e para o que tampouco prevé medidas que permitan reverter a situación.
Entre a análise dos distintos ámbitos desenvolvidos no documento presentado pola Xunta, Pérez tamén fixo especial fincapé no relativo á política social, ámbito no que dixo “o máis grave é que se fixa como nicho de mercado os dereitos das persoas maiores, mentres rexeita regular o sector das residencias e continúa sen blindar o dereito a unha vellez digna a través dun sistema forte e público de coidados”.
No relativo á sostibilidade, reprochou a falta de previsión das necesidades de produción e consumo de enerxía (cun aumento do peso das enerxías renovables no mix enerxético que prima a eólica e resta importancia a outras fontes como a solar fotovoltaica), a ausencia de cambios estruturais precisos para a ordenación do monte e a necesarios para a loita contra os incendios ou a formulación de políticas sectoriais coa auga, os residuos ou a diversidade que “son, como mínimo, irresponsables”.
Logo de repasar un a un os diferentes ámbitos de actuación, o portavoz nacionalista de Emprego resumiu que “este plan é xa hoxe papel mollado, un plan pensado para lanzar nunha situación de normalidade no 2020 e que non se molestaron nin en actualizar”, polo que así, tal e como está, non é un instrumento válido. “Sacalo agora, neste momento, sen contemplar sequera a alza dos prezos ou a crise económica que se anuncia fai que calquera previsión que conteña sexa fume, un engano”, concluíu.