parlamento galego

BNG rexeita a Lei do PP para a recuperación de terras agrarias por ser “forestalista e insuficiente”

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas salienta que o texto lexislativo non recolle a reposición de miles de hectáreas agropecuarias forestadas ilegalmente, nin presenta unha memoria económica e organizativa

BNG rexeitou  a lei do Partido popular para a recuperación de terras agrarias porque “aínda que mellorada” continua sendo “insuficiente e forestalista”.

O deputado nacionalista ,  Xosé Luís Rivas, (Mini) afirmou que o modelo de rural do BNG é “contrario” ao que practica o Partido popular e con esta lei, dixo volvemos a constatar que non vai dirixida ao desenvolvemento rural. É unha lei que  encarna “o desprezo”  do PP dende o ano 2009 até hoxe e polo Banco de terras, un instrumento fundamental para mobilizar terras e arranxar o problema de “base territorial” das explotacións.

Galiza non pode estar asentada “fielmente” no territorio porque as vacas non teñen espazo ao redor da explotación e a modernidade non está na tecnoloxía, a modernidade, explicou Mini, está no “encardinamento coa terra e as súas posibilidades”. A modernidade, recalcou, “é protexer esas explotacións familiares” que por certo, engadiu, “tampouco aparecen na súa lei”.

Para o deputado, o goberno debe volver “ao diálogo”  para  reasentar as  “explotacións familiares a pé de leira, na xestión directa, na pequena transformación e na  explotación dimensionada acorde coa actividade a desenvolver”. De non ser así, lamentou o nacionalista, o territorio en abandono acabara por comernos. Esta lei, engadiu responde á urxencia  do Partido popular para satisfacer as  esixencias, cada vez maiores, “dos sectores forestalistas que son os que  marcan as prioridades da Consellería” , ademais de suprimir da  Lei de Montes  artigos e apartados que garanten o uso agropecuario e desprotexidos ante a forestación.

Neste sentido, lembrou que unha das emendas do BNG á lei ía na dirección de   impedir a reforma da Lei de Montes pero non foi tomada en consideración.

Por outra parte, Rivas insistiu na actitude construtiva do BNG sobre os polígonos forestais e cortalumes  pero a tempo, tamén, dixo, defendemos como figuras principais o  Banco de Terras e  as unidades de xestión forestal conxunta, as UXFOR para acadar “un monte sostible e máis participativo”.

No BNG non  estamos en  contra do monte, nin dunha forestación  razoable ou da  silvicultura pero non consideramos que sexan prioritarias porque non  representan o motor para o desenvolvemento económico do rural.

O Partido popular quere un  rural de pensionistas 

Mini criticou que o PP  incitara a plantar eucalipto como mellor rendemento económico  para o futuro e utilizara a ENCE e a 83.000 familias argumentando os ingresos como complemento das súas pensións. O nacionalista preguntou se o goberno só contempla un rural “de pensionistas” e negou o razoamento económico defendido polos  populares porque o forestal ten un valor de corta de 200 millóns de euros ao ano pero ao mes importamos alimentos para compensar a improdutividade do agro por máis de 400 millóns. Polo tanto, o negocio que nos propoñen, afirmou  “é ruinoso” ao que sumou as perdas polos incendios pola falta de ordenación do monte e non respectar as franxas de seguridade.

Trátase dunha lei que desde o nacionalismo vimos no seu día necesaria e continuamos a considerar imprescindible pero non son tempos de aventuras produtivistas e si de apoios e medidas que mobilicen a terra agrícola e pecuaria, a moderna sostibilidade á actividade económica respectando o medio ambiente, favorecendo a biodiversidade, procurando alimentos e produtos saudables con garantía sanitaria e  recuperando e asentando poboación para evitar  que o rural se converta nun deserto ou en pasto dos lumes, concluíu o deputado do BNG.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG