BNG rexeita “no fondo e na forma” a lei da Xunta para cubrir prazas sanitarias que non achega ningunha solución estrutural

Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado recrimina ao PP que pretenda agora solucionar 13 anos de recortes cun texto legal que establece un aumento orzamentario “cero”

“Esta lei é un mal parche que racha a igualdade, equidade e unidade no acceso ao sistema sanitario galego e non soluciona ningún problema”, advirte 

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, rexeitou “tanto polo fondo como pola forma” o proxecto de lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias de saúde do Sergas, un proxecto de lei presentado pola Xunta para a súa tramitación no Parlamento galego por procedemento de urxencia e por lectura única.

“Esta lei é un mal parche que modifica o sistema de acceso ao sistema sanitario galego, rompe a igualdade, a equidade e a unidade no acceso, non soluciona ningún problema e crea moitos”, reprobou Prado, quen definiu o texto como “un novo titular de prensa” co que o Goberno do PP “pretende facer que está facendo algo, cando non o está facendo”.  

A deputada nacionalista advertiu que o PP “volve utilizar un mecanismo de modificación normativa a través de mecanismos excepcionais, como fai continuamente coas leis de acompañamento dos orzamentos, reducindo así os tempos ao mínimo, furtando o debate social e cos sectores afectados e evitando que pase por organismos que é preceptivo teñan que emitir informe como é o CES” e incidiu en que, coma é habitual e queda patente unha vez máis, a Xunta “non consegue acordos coas e cos profesionais e opta pola vía da imposición lexislativa, impoñendo o ‘todo ou nada’, impedindo a introdución de emendas e liquidando a lei nunha semana”.

Aparte do procedemento empregado, Prado fixo especial fincapé no contido do texto legal que, segundo reprochou ao Goberno galego, “é unha nova manobra de distracción para parecer que fai, mais non achega ningún cambio estrutural que vaia ao fondo do problema”, algo que “só se pode explicar -alertou- na carreira na que está inmersa o PP de campaña permanente e spot publicitario diario, na vez de presentar realmente alternativas”.

Así, e logo de recalcar que o PP pretende solucionar cunha lei extraordinaria un problema estrutural que é consecuencia de “13 anos de políticas nefastas de recortes", indicou que na propia parte expositiva do proxecto recoñécese que a falta de profesionais sanitarios é un problema estrutural e “a renglón seguido, en todas as páxinas que se dedican a argumentar a necesidade da lei, nin unha liña destinada a avaliar as causas de cales son eses problemas estruturais, para avaliar por que se chegou a esta situación”. “Se non se analizan as causas, non se pode poñer o remedio”, advertiu.

A deputada nacionalista subliñou a total ausencia de medidas dirixidas a facer atractivas as prazas con “incentivos axeitados e potentes”, tal e como establece o informe Oferta-Necesidad de Especialistas médic@s 2021-2035 do Ministerio de Sanidade (referido no propio proxecto de lei) e reprochou ao Sergas que pretenda que sexan as e os profesionais quen “unha vez máis resolvan a situación das súas nefastas políticas de persoal a custe cero”.

Neste sentido, advertiu que esta lei establece que, en ningún caso, a súa aplicación suporá un aumento orzamentario. “Volvemos ao debate anterior -en referencia ao debate orzamentario mantido previamente na Cámara-: rebaixan impostos aos ricos e pretenden traer unha lei para solucionar os problemas da sanidade sen un euro máis, a custe cero”, o que, segundo remarcou, significa que nin se van incrementar os cadros de persoal nin se van mellorar as condicións laborais das e dos profesionais.

Prado concluíu insistindo en que para poder achegar medidas excepcionais con solucións reais é necesario coñecer a situación actual, determinando primeiro o número de profesionais que fan falta e fixando as condicións necesarias para que esas “prazas de difícil cobertura” ás que alude o texto legal deixen de selo”. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG