O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistra iniciativas no Congreso para exixir ao Goberno a inclusión, no programa da Feira do Libro de Frankfurt, da realidade plurilingüística do Estado e dea un espazo propio aos escritores, mundo editorial e demais partícipes da lingua, cultura e literatura galega. O deputado do BNG, Néstor Rego, tamén demanda reforzar a difusión de todos os xéneros literarios a través de accións específicas en todas as linguas oficiais diferentes do español.
A Feira do Libro de Frankfurt, fundada en 1949, é unha das máis importantes do mundo. Terá lugar na cidade alemá que lle dá nome desde o 19 ata o 23 de outubro deste ano 2022. Na rolda de prensa do Ministro de Cultura e Deportes, Miquel Iceta, o pasado 8 de febreiro anunciou que o Estado español sería o convidado de honra da edición baixo o lema “Creatividade desbordante”. Iceta fixo referencia tamén a que máis de 20% das publicacións do último ano foran editadas en galego, euskara ou catalán.
“A pesar destas referencias e da evidente importancia que as publicacións en linguas distintas do español teñen no conxunto do Estado, o avance do programa presentado non plasma esa relevancia” recrimina o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego explica que, inclusive, se di que son os piares estratéxicos sobre os que pivotará a presenza na feira son fortaleza editorial, sustentabilidade, bibliodiversidade e pluralidade lingüística, creatividade e dixitalización, “mais esa atención ás distintas linguas oficiais do Estado non queda plasmada, polo avanzado até o de agora, no programa concreto”.
Así, por exemplo, se tomamos como referencia o programa da edición de 2021, entre os chamados ‘protagonistas’ figuran 69 persoas- escritores, ilustradores, críticos, xornalistas...- entre as cales só atopamos a tres persoas de orixe galega, algún dos cales publica exclusivamente en lingua española e o resto teñen traballos en ambas as linguas, sen que se incluíse a ningún autor ou autora que cree exclusivamente en galego.
“O Ministerio de Cultura e Deportes está a tempo de corrixir esta tendencia e dar un verdadeiro coprotagonismo ás distintas linguas oficiais no Estado español. É máis, esta aposta non debe limitarse unha selección de autores, entendemos que debe darse peso á cultura e a literatura de Galiza, un espazo no que teñan cabida os distintos partícipes que a fan posíbel” enfatiza Rego. Un espazo de difusión propio para os escritores, mundo editorial e demais partícipes da lingua, cultura e literatura galega “así como do resto de linguas oficiais do Estado”.
Paralelamente, o deputado nacionalista lembra o compromiso do executivo de reforzar a difusión en todos os xéneros para as obras escritas en galego, euskera e catalán. Mais, a día de hoxe, aínda non se coñecen “que accións específicas en todas estas edicións sobre poesía, dramaturxia, infantil e xuvenil, científico-técnico, venda de dereitos para o sector audiovisual”.