Santiago de Compostela, 4 novembro 2020.- “A Lei de Acción Exterior recolle unha acción exterior tutelada, autolimitada e acomplexada que está sometida ao control preventivo do Estado”. Así o manifestou o deputado Luís Bará ante a Comisión Institucional do Parlamento galego, na que subliñou ademais que o anteproxecto de lei do Goberno do PP limita a norma “ao ámbito da acción exterior da Xunta, non de Galiza no seu conxunto”.
“Polo tanto, non hai liderado da acción exterior de toda a sociedade galega, de todas as institucións e de todos os ámbitos”, subliñou para engadir que outra das grandes eivas do texto é a consagración da degradación institucional e administrativa do departamento de Relacións Exteriores, xa rebaixada no seu día de Secretaría Xeral, dependente da Presidencia, a Dirección Xeral, dependente da Vicepresidencia. “Nos últimos anos xa non hai nin dirección nin xeral, só reinos de taifas nos que cada consellería vai por libre; non hai coordinación, nin plan, nin estratexia nin dirección nesa visión conxunta que debe ter o goberno”, alertou.
O deputado nacionalista tamén cuestionou a falta de participación na acción exterior, tal e como pon de manifesto o feito de que o Consello de Acción Exterior (CAEX) só mantivera cinco reunións en oito anos, unha falta de operatividade que, segundo alertou, xa provocou a dimisión dalgúns dos seus membros. “Ademais, cómpre subliñar que tres entidades importantes e representativas non apoiaran a lei no seo do CAEX”, advertiu.
Bará tamén se referiu á Estratexia de Acción Exterior, da que dixo é “un documento xeralista, sen plan operativo, sen liñas estratéxicas, sen recursos, sen avaliación e sen seguimento”. Segundo recalcou, o Goberno do PP “carece dunha auténtica política de acción exterior” e “non hai coordinación efectiva ao máis alto nivel”, o que ao seu xuízo provoca “unha suma de accións desconectadas e illadas de cada departamento”.
Para o deputada nacionalista, “un exemplo claro desta década pouca luminosa nas relacións exteriores” é a acción galega con Portugal e a Lusofonía. “A súa política exterior non pasa do Douro”, afeou, para a continuación reprochar ao Executivo galego que deixara “ en papel mollado” a Lei Paz Andrade, denominada oficialmente como Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.
Neste sentido, contrapuxo a actitude da Xunta, para a que a lusofonía, subliñou, “segue a ser unha materia pendente”, fronte a outras comunidades como Estremadura que “están a facer os deberes e levan moita vantaxe”, vantaxe que considerou incomprensible dados os vínculos históricos, culturais e lingüísticos que nós temos con Portugal”. “Tres de cada catro persoas que estudan portugués no Estado fano en Estremadura, onde teñen 20.000 estudantes aprendendo portugués, mentres que en Galiza só o fan arredor de 4.000”, criticou.
Así pois, Bará reclamou ao Goberno do PP aproveitar todo o potencial da lei Paz Andrade, presentar o balance sobre a súa aplicación ao que obriga a propia lei, facer efectivo o acordo do Parlamento galego de 2018 para solicitar a incorporación galega á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e impulsar propostas xa presentadas polo BNG como a creación do Observatorio Galego da Lusofonía e da Casa da Lusofonía.