BNG reclama á Xunta unha solución á situación de ruína no que se atopa o edificio da antiga Cámara Agraria de Carballo

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez critica ao Goberno galego que tente botar “balóns fóra” sobre un ben que é da súa titularidade e sobre o que leva anos sen intervir

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego unha solución á situación de ruína no que se atopa o edificio da antiga Cámara Agraria de Carballo, situado no corazón do barrio da Milagrosa, e que supón un perigo para a seguridade e integridade das e dos viandantes polo risco elevado de desprendemento de cascotes, cristais de fiestras e mesmo tellas, e que ademais racha coa estratexia de revitalización urbana e de dinamización comercial desenvolvida polo concello nunha zona que xoga un papel importante como escaparate da localidade.  

Así o explicou nunha pregunta parlamentaria o deputado Daniel Pérez, quen considerou que a Xunta “parece que está botando balóns fóra” neste tema e recordou que o pleno municipal xa aprobara en 2013, e por unanimidade de todas as forzas políticas, solicitar a transferencia da propiedade ao Goberno galego, quen respondeu no seu día como únicas dúas alternativas ou a compra ou a permuta por outro ben de titularidade do concello.

Pérez considerou estas opcións “pouco xustas e equilibradas” tendo en conta que a titularidade e a obriga de conservación ou rehabilitación recae sobre a Xunta, “que leva anos sen acometer a máis mínima actuación” neste sentido, e que, polo tanto, o inmoble atópase nunha situación ruinosa.

Logo de lembrar tamén que nos casos das antigas cámaras agrarias da Laracha ou Coristanco, a Xunta si fixo posible vías alternativas ás opcións de permuta ou compra para rehabilitar e poñer en funcionamento estes edificios que tamén estaban abandonados, o deputado nacionalista advertiu que o Executivo galego debía facer unha valoración económica do inmoble de Carballo, logo do acordo plenario de 2013, unha valoración que “non consta e nunca chegou” ao Concello.

Nesta liña, tamén preguntou pola recente visita, en outubro pasado, dun técnico da Xunta para valorar o estado do edificio e insistiu en advertir sobre os seus potenciais riscos nunha zona urbana na que, ademais, se concentra un elevado número de persoas nos días que se celebra a Feira da Milagrosa, polo mercadiño con máis de 170 postos de venda que constitúe un elemento de dinamización e promoción de Carballo.

O deputado do Bloque puxo en valor a estratexia urbana desenvolvida polo Executivo local, coa revitalización e humanización deste barrio, creando o Edificio Fórum, abrindo áreas de estacionamento gratuíto, recuperando e rehabilitando a antiga Escola de Arrabaldes ou mellorando e ampliando o parque infantil situado ao lado do novo centro social.

“O que está claro é que dende o Goberno municipal estanse a cumprir coas súas responsabilidades, tratando de mellorar dende un punto de vista urbano e de humanización unha zona que é moi importante como escaparate de Carballo e, sen embargo, dende a Administración galega, sobre un ben que é titularidade propia parece que se están botando balóns fóra”, concluíu.  

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG