O BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta realice as xestións oportunas para dotar con urxencia a, cando menos, os partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo dun novo xulgado de primeira instancia e instrución.
Segundo explicou o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, na defensa desta proposición non de lei, estes partidos xudiciais veñen superando dende hai anos o número máximo de entrada de casos, o que provoca importantes demoras na resposta dos xulgados que, segundo subliñou, non se atopan nunha situación de colapso grazas ao “esforzo e dedicación” das e dos profesionais que traballan nos mesmos.
Tabarés afirmou que este problema é consecuencia da non creación de novos xulgados en case toda unha década -“dende a programación de 2010 ata a de 2019 só se crearon catro unidades xudiciais en 2017 en grandes cidades”, advertiu- e recordou que a cidadanía de Viveiro, Vilagarcía ou Ribeira teñen que agardar polas resolucións máis que a media estatal. “Os xulgados de Viveiro ou Vilagarcía terían que traballar todo un ano sen entrada de asuntos novos para poder resolver todos os que teñen pendentes”, exemplificou.
Ao seu xuízo, isto vese agravado pola falla de aposta por parte da Xunta por sistemas de solución de conflitos alternativos ao proceso xudicial e, neste sentido, indicou que se o Goberno galego manifesta en todos os seus orzamentos a súa aposta pola implantación da mediación, “o certo é que á hora da verdade, non é quen de asinar o correspondente convenio de mediación intraxudicial no eido familiar e moito menos noutros como o da mediación penal”.
O deputado nacionalista tamén lembrou que foi a sala de goberno do Tribunal de Xustiza de Galiza (TSXG) a que elevou ao Consello Xeral do Poder Xudicial unha proposta para a creación con carácter mínimo e esencial de varias unidades xudiciais entre as que se atopaban as catro recollidas nesta iniciativa do BNG. “E a Xunta non trasladou esa proposta ao Estado, facendo caso omiso á proposta da sala de goberno do TSXG e incumprindo un acordo unánime deste Parlamento para reclamar un xulgado de primeira instancia e instrución para Viveiro”, reprochou.
“Non hai moito falaban de que a Xustiza era un servizo esencial nun estado de dereito; vostedes saben que unha xustiza lenta non é xusta, mais semella que valoren que iso é así tamén en Viveiro, Ribeira, Vilagarcía e Carballo”, concluíu para lamentar o veto do PP á proposta nacionalista.