parlamento galego

BNG reclama á Xunta unha liña específica de axudas para a hostalería destinada á adquisición de medidores de CO2

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez reprocha ao Goberno galego a arbitrariedade da medida que distingue entre restaurantes e outros locais con idénticos servizos

Ante a “gravísima situación de falta de liquidez pola que atravesa o sector”, o BNG urxiu á Xunta no Parlamento galego a abrir unha liña específica de axudas para a hostalería destinada a financiar o custe dos dispositivos medidores de CO2 aos que obriga o plan galego de hostalería segura.

O portavoz nacionalista de Emprego e Turismo, Daniel Pérez, lembrou nunha pregunta na comisión parlamentaria de Industria e Comercio que os establecementos con licenza municipal de restaurante que utilicen a opción de ampliar o horario de peche máis alá do horario estipulado para os restantes establecementos de hostalería -ademais de desenvolver o servizo mediante reserva previa e levar un rexistro de clientes- deben garantir a correcta ventilación do local, garantía que se obxectivará a través da utilización destes medidores.

Neste sentido, Pérez afeou a falta de diálogo co sector, xa que este propuxera esta medida hai meses para toda a franxa horaria de apertura co obxectivo de poder ampliar dun xeito controlado e seguro a porcentaxe de aforo permitida en interiores e “non foi tida en conta nese momento pola Xunta”.

Non obstante, criticou a discriminación na medida entre establecementos con licenza municipal de restaurante e o resto de establecementos hostaleiros. “Por que os restaurantes poden acollerse a esta posibilidade e, por exemplo, bodegóns, polbeiras ou bares que serven racións non o poden facer?”, cuestionou, para a continuación recalcar que os usos son practicamente os mesmos: “cear nun local, nunha mesa, coas distancias e medidas sanitarias e de aforo esixidas para todos”.

De igual xeito, advertiu do risco da moratoria concedida polo Goberno de Feixóo para a implantación esta medida, xa que na práctica ven supoñer que un local que optase pola posibilidade de servir ceas ata as 23 h puidese estar tres semanas dende que o medidor é obrigatorio prestando dito servizo sen dispor del xa que se habilita ao establecemento para facelo só cun xustificante de ter o dispositivo pedido.  

Así mesmo, cuestionou o establecemento dos requisitos da reserva previa e o rexistro de clientes só para as ceas e non para os xantares -“como se o virus distinguise entre franxas horarias”, afeou- e pediu ao Executivo galego concreción no método utilizado para controlar a distribución homoxénea das mesas e cadeiras e a súa concentración en espazos concretos, así como o uso ou non uso das salas e comedores a efectos do cálculo da capacidade interior de cada local.   

O deputado nacionalista aproveitou a súa intervención para trasladar o “gran malestar” ante a arbitrariedade das medidas “dun sector especialmente castigado e que se atopa ao límite da súa resistencia”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG