O grupo parlamentar do BNG, a través da deputada Montse Prado, rexistrou diversas iniciativas para instar o Goberno galego a dirixirse aos organizadores do Foro, ao Gran Hotel e responsábeis das rotulacións e monólitos existentes na Illa da Toxa, “para esixir o respecto pola toponimia oficial de Galiza e proceder á corrección do topónimo deturpado e substituílo polo de 'A Toxa' xa que é a denominación correcta e legal”, explicou.
Entre os días 1 e 3 de outubro organizouse na Illa da Toxa no concello de O Grove un evento coa participación, entre outros, de ex-presidentes de Goberno, representantes do ámbito da empresa e das finanzas. Este encontro, ao denominarse “Foro La Toja”, incumpre co seu nome a lexislación que recoñece a oficialidade única dos topónimos galegos, a empezar pola Lei de Normalización lingüística, que estabelece no seu artigo 10.1. que os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega.
Para Montse Prado, este feito “representa un exercicio de ostentación e desprezo que non se pode consentir pola toponimia propia de Galiza e, polo tanto, dos galegos e das galegas; e tamén é unha agresión ao noso máis grande sinal de identidade como é a lingua”.
“Non ten ningunha xustificación que responsábeis políticos que deberían ser os máximos garantes tanto do cumprimento da lexislación como da protección e promoción da nosa lingua participen en eventos que a deturpan, sen solicitar a rectificación precisa”, advertiu a deputada.
Esta deturpación súmase á que se realiza de xeito permanente, por exemplo, tanto no monólito que hai na entrada da Illa ou no nome do hotel no que se realizou o foro, que non respectan a toponimia oficial.
Deste xeito, o BNG rexistrou diversas iniciativas para instar a Xunta a esixir o uso legal do topónimo A Toxa, co obxectivo de que o Goberno galego vele polo cumprimento da lexislación que protexe a lingua propia do país.