A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que Galiza teña un status especial como nación pesqueira, de forma similar ás Illas Feroe, de forma que permita ao sector pesqueiro desenvolverse “en condicións de igualdade a respecto de outras nacións pesqueiras”. Reclámao así Miranda durante a súa participación nunha delegación da Alianza Libre Europea (ALE) nas Illas Feroe para coñecer de primeira man a xestión das cotas pesqueiras deste país que conta cun alto nivel de autogoberno cun status especial a respecto de Dinamarca.
“As Illas Feroe son un claro exemplo do importante que é ter conciencia de nación pesqueira e defender a propia soberanía en asuntos vitais para a economía, igual que é a pesca para Galiza”, subliña a portavoz do BNG en Europa, quen critica a falta de compromiso do goberno galego para defender o sector pesqueiro galego, tanto en Madrid como en Bruxelas.
Segundo salienta Miranda, Galiza debería ter o mesmo poder de decidir que as Illas Feroe a respecto dos seus sectores produtivos. Neste sentido, a portavoz do BNG en Europa explica que nas Feroe (formadas por 18 illas e cunha poboación de 48.000 habitantes) boa parte da súa economía xira en torno ao sector pesqueiro e como tal chegan a acordos internacionais sobre a pesca tanto coa Unión Europea (da que non forman parte), como con Islandia, Rusia, Groenlandia e Reino Unido.
Conferencia sobre a autodeterminación
Ademais do encontro co sector pesqueiro feroés, entre as reunións celebradas tamén destaca a mantida co partido de esquerdas pola independencia Tjóðveldi, así como co seu deputado e presídente Høgni Hoydal e a deputada Hervør Pálsdóttir. Ademais, Ana Miranda participou nun encontro con integrantes do goberno e nunha conferencia sobre a autodeterminación das Illas Faroe, na que se comparou o seu nivel de autogoberno coa situación de outros territorios.
Por outro lado, a delegación da ALE tamén visitará a Nordic House, unha institución cultural inaugurada en 1983 que ten o obxectivo de fomentar as conexións culturais entre as Illas Feroe e os demais países nórdicos.