O BNG pedirá a retirada do proxecto de Lei de Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que Utilizan os Recursos Naturais de Galiza, coñecida como Lei de Recursos Naturais, porque é “un gran greenwashing” para as empresas promotoras dos proxectos.
Así o adiantou o portavoz de Enerxía, Xosé Manuel Golpe, para quen o texto que a Xunta vén de remitir ao Parlamento “acrecenta a inseguridade xurídica, desprotexe máis á xente e ao medio ambiente, non vai servir para crear emprego e vai facer que Galiza siga perdendo cunha transición enerxética inxusta ao servizo do oligopolio eléctrico”.
O deputado criticou que, malia o seu título, o proxecto de lei do PP non vai permitir que os beneficios sociais e económicos dos nosos recursos revertan para o pobo galego, unha cuestión que o BNG considera fundamental, máis tendo en conta que “a pesares de seguir sendo produtores excedentarios netos de enerxía eléctrica e que xeramos máis renovable que nunca, nunca tanto emprego se destruíu no sector”.
É por iso que o Bloque vai presentar unha emenda á totalidade, en liña coas súas propostas para garantir que a riqueza e os recursos naturais revertan en beneficio do País, e que a produción e xestión sexa xusta social e territorialmente, cunha nova planificación pública encamiñada a garantir o dereito dos galegos e as galegas a traballar na propia terra.
Xosé Manuel Golpe criticou, por outra banda, que o proxecto da coñecida como Lei de Recursos Naturais non recolle as achegas feitas polo Consello Económico e Social no sentido de que “nalgúns aspectos xera dúbidas de que a explotación dos recursos non teña un impacto negativo no emprego, na poboación e no territorio”. “A explotación dos recursos non pode estar só vinculada a unha cuestión de investimento ou tecnoloxía, senón que temos que poñer no mesmo nivel o emprego e protección social”, manifestou.
O CES, explicou, tamén advirte que a lei do Goberno de Rueda carece de mecanismos de participación social, está feita para “beneficio das grandes empresas”, vai supoñer máis inseguridade xurídica e establece “criterios discrecionais”. “En ningún caso é admisible que se rebaixen os estándares ambientais da normativa para permitir instalacións”, advertiu o deputado nacionalista.
Segundo asegurou Golpe, a lei que vén de iniciar o seu trámite parlamentario debería ter como un dos seus grandes obxectivos que a enerxía e os recursos de Galiza estean baixo control público “para garantir unha xestión sostible xusta social e territorialmente”. Para iso, agregou, resulta indispensable a creación dunha empresa pública galega da enerxía ou, tal e como propón recolle a alternativa do Bloque, a posta en marcha dun plan de desenvolvemento industrial “que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía”.
Rebaixas na factura da luz e mantemento do emprego
O Bloque tamén defenderá no Parlamento que as empresas que queiran ter unha concesión ou autorización para aproveitar os recursos do País teñan obrigatoriamente que asumir a concreción dos beneficios sociais e económicos, ben a través de plans industriais asociados para os territorios afectados ou ben con descontos directos na factura eléctrica a pemes e familias no caso de aproveitamentos enerxéticos, exemplificou Golpe.
Segundo a proposta do BNG, as empresas que exploten os recursos deberían ademais estar obrigadas como “condición esencial” á salvagarda do interese público mediante actividades con garantías de viabilidade e mantemento do emprego. Ademais, as empresas que reciban fondos públicos terían que manter as condicións e o emprego, con penalizacións no caso de que reducisen o cadro de persoal sen causas obxectivas.
Na mesma liña de reverter na sociedade os beneficios económicos e sociais da explotación dos recursos naturais, o responsable de Enerxía do Bloque defendeu que os proxectos industria que leven asociada unha concesión de xeración eléctrica a través dun PPA (siglas en inglés dun acordo de compra de enerxía) se comprometan a matner o emprego e a actividade industrial durante a vixencia deste PPA.
Non desvirtuar normas en función de supostos beneficios
O responsable de Enerxía do Bloque advertiu, por outra banda, de que a nova lei debería ter como outro dos seus grandes obxectivos que as valoracións do impacto social e económico e as avaliacións de impacto ambiental vinculadas ao principio de desenvolvemento sustentábel “deberan ter en conta e respectar toda a normativa asociada a estas avaliacións”. “Non se deben desvirtuar normas e regulamentos en función dos supostos beneficios achegados polos proxectos”, advertiu.
En relación a isto, Golpe avogou por deseñar un novo plan sectorial eólico e ampliar a rede natura. “As avaliacións de impacto son determinantes pero deben realizarse con rigor para evitar impactos na biodiversidade ou afectacións a outros usos, como os recreativos, agrícolas ou pesqueiros prioritarios”, asegurou.
O deputado nacionalista subliñou, por outra parte, que o proxecto de lei do PP contempla a creación dun fondo público de recuperación de territorio que pode ter financiamento privado, establecendo para as empresas unha achega mínima de 100.000 euros, unha cantidade que na práctica impide que pemes e negocios locais poidan participar nas actividades e beneficios dese fondo, concluíu Golpe.