A portavoz de Política Social e Igualdade, Olalla Rodil, reclamou á Xunta a convocatoria de prazas de persoal non obxector para garantir o dereito ao aborto no seu hospital de referencia na sanidade pública galega, logo de denunciar que o Goberno do PP deriva ás mulleres que viven en Lugo a unha clínica privada de Vigo, obrigándoas a percorrer máis de 200 quilómetros nun momento moi difícil e complexo diante dunha decisión “durísima e dificilísima para calquera muller”.
Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Sanidade e Política Social, Rodil explicou a situación que se está a vivir no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, no que todos e todas as profesionais se declaran obxectores de conciencia, o que obriga ás lucenses, ademais de ser derivadas á sanidade privada, “a percorrer de punta a punta o País nunha viaxe de máis de dúas horas”.
Unha situación que, segundo denunciou a deputada nacionalista, dáse dende finais de 2023 -aínda que ata esta data as afectadas xa tiñan que desprazarse á Coruña- logo que que se declararon desertos os pregos para concertar con clínicas privadas interrupcións voluntarias do embarazo.
“Ter que desprazarse máis de 200 quilómetros, máis de dúas horas de traxecto en coche, vulnera de maneira flagrante ese dereito fundamental, ese dereito sexual e reprodutivo, que temos as mulleres a interromper de maneira voluntaria o noso embarazo”, advertiu Rodil, quen recordou tamén que esta situación vulnera a lexislación vixente, xa na Lei do Aborto que garante o dereito ao mesmo na sanidade pública e só excepcionalmente que se derive á privada, senón tamén na reforma desta lei aprobada en 2023, que reforza aínda máis a garantía do dereito ao aborto das mulleres na rede sanitaria pública de maneira próxima á súa casa.
Neste sentido, a deputada nacionalista advertiu que, segundo os últimos datos oficiais publicados, os do Ministerio de Sanidade correspondentes a 2022, en Lugo rexistráronse 89 abortos en períodos xestacionais de máis de oito semanas (os abortos instrumentais, aqueles nos que por protocolo médico e sanitario non se utiliza o procedemento farmacolóxico de interrupción do embarazo) e en Galiza 626, dos que 553 foron levados a cabo en centros extrahospitalarios de carácter privado, o que representa case o 90% dos casos.
Neste contexto, Rodil reclamou que se garanta o dereito das mulleres a abortar na rede sanitaria pública e que poidan facelo dentro do seu hospital de referencia para dar cumprimento ao que di a lei: “que temos dereito a abortar na sanidade pública e no hospital máis próximo á nosa casa”, sintetizou.
Ante a situación concreta do HULA -e logo de lembrar que o Executivo de Alfonso Rueda segue incumprindo a lei porque non existe un rexistro público de obxectores-, na que todas e todos os profesionais se declaran obxectores, incidiu na necesidade de convocar prazas que “precisamente permitan que haxa persoal dentro da rede sanitaria pública, dentro do hospital de referencia lucense, que non sexa obxector de conciencia”.
“È precisa esa convocatoria ara garantir, primeiro o dereito das mulleres de Lugo a abortar na sanidade pública e no seu hospital e, en segundo lugar, para que 14 anos despois da aprobación da primeira Lei do Aborto de 2010, que a Xunta garanta e cumpra coas súas obrigas”, concluíu.