congreso

BNG reclama no pleno do Congreso recoñecer 33% de discapacidade co diagnóstico de doenzas neurodexenerativas

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego defenderá nesta terza feira (23) unha iniciativa en que insta o Goberno a avanzar na protección das persoas a que se diagnostica Esclerose múltiple e outras doenzas neurodexenerativas e a creación dun novo tipo de discapacidade baseada na tipoloxía propia destas enfermidades.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá no pleno do Congreso unha Proposición Non de Lei para que sexe recoñecido 33% de discapacidade, xunto coa diagnose, nas enfermidades neurodexenerativas. Así mesmo, a formación nacionalista insta a crear un novo tipo de discapacidade, como piden as entidades que agrupan persoas doentes e familiares, baseada na tipoloxía propia destas enfermidades.

As doenzas neurodexenerativas caracterízanse pola morte de neuronas en diferentes rexións do sistema nervioso e a conseguinte deterioración funcional das partes afectadas. O grave deterioramento, físico e cognitivo, que se deriva ao longo de toda a enfermidade supón unha desprotección para as persoas adultas en idade laboral, polo xurdimento de problemas á hora de continuar no seu posto de traballo, a súa carreira laboral, a conciliación entre a vida laboral e o desenvolvemento da enfermidade, etc. Isto provoca un prexuízo económico para a persoa doente porque pode ter que deixar o seu emprego e mesmo solicitar a axuda dun coidador ou coidadora.

Na actualidade, as axudas a este colectivo dependen de que se acredite a discapacidade a través duns baremos que non recollen a singularidade da evolución das enfermidades neurodexenerativas. “Isto comporta certo desamparo e mesmo a desprotección das persoas afectadas” afirma Néstor Rego. “Precisamos garantir a protección das persoas con estas enfermidades. A día de hoxe esa protección non existe a pesar de que xa en 2011 e 2017 foron presentadas iniciativas similares solicitando regular o recoñecemento de 33% da discapacidade en enfermidades neurodexenerativas” lembra o deputado nacionalista.

Co recoñecemento automático de 33% na diagnose e o conseguinte acceso a medidas de apoio “conseguiríase que as persoas afectadas por estas doenzas se mantivesen activas o maior tempo posíbel, contribuíndo a unha maior calidade de vida e benestar ao mesmo tempo que se diminúe o gasto social” sinala o deputado nacionalista.

“É preciso escoitar as asociacións e organizacións do colectivo que demandan tamén un novo tipo de discapacidade baseada na tipoloxía propia destas enfermidades” salienta Rego. O recoñecemento de 33% desde o diagnóstico, segundo indica a formación nacionalista, garantiría “a protección do colectivo e facilitaría medidas de apoio nos estudos e na formación das persoas con este tipo de doenza e favorecería a obtención de axudas económicas para adaptar as vivendas en que residen”.

A formación nacionalista incide na necesidade de aplicar estas medidas de maneira inmediata. Nos dous casos anteriores as iniciativas neste sentido foron apoiadas por unanimidade dos grupos parlamentarios. Rego sinala que esta proposta que presenta para debate o BNG “non debería de ter un resultado diferente” e exixe ao Goberno que “actúe e realice as mudanzas lexislativos necesarias canto antes”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG