Parlamento Galego

O BNG reclama un plan de continxencia que garanta a asistencia sanitaria ordinaria da poboación no contexto COVID19

Montse Prado
Montse Prado
Prado advirte da saturación na atención primaria e hospitalaria e pide máis investimento e máis persoal tras once anos de “recortes inmisericordes”

Galiza en nivel dous e parte en nivel tres e ante a reiterada negativa do conselleiro de Sanidade a comparecer, o BNG presentou unha interpelación para que o Goberno explique en que condicións está a sanidade pública para atender esta nova onda de COVID e, ao mesmo tempo, atender á poboación de calquera outra patoloxía incluída as habituais nesta época do ano como por exemplo a gripe que, de xeito reiterado,  provoca colapsos nos servizos de urxencias.

Por iso, a portavoz de sanidade, Montse Prado, pediu ao Goberno do PP que explique cal é o plan de continxencia do que dispón o SERGAS para prestar a atención sanitaria ordinaria á poboación neste contexto extraordinario de gromo da pandemia, tendo en conta a difícil situación en que se atopa o persoal sanitario, en particular na atención primaria, “tras once anos de recortes inmisericordes”. “Os profesionais e as profesionais están exhaustas ao que se engade a carga de traballo vinculada á pandemia, todo o traballo de seguimento do virus”, salientou.

Na loita contra a COVID19 a atención primaria é vital, indicou Prado, “e pese a iso persisten en manter ao persoal afogado e desbordado, con colas nos centros de día, cos teléfonos colapsados e sen presencialidade. E ese persoal está soportando inxustamente as queixas dunha poboación que se sente frustrada”, explicou a deputada.

A situación nos hospitais non é mellor, con falta de camas para ingresos, con urxencias saturadas “e son miles as persoas ás que se lle cancelaron probas diagnósticas, suspendido a intervención en moitos casos pese a sufrir patoloxías graves”, afondou Prado, moi crítica co feito de que aínda neste contexto a Xunta manteña unha contratación en precario por semanas, por días ou mesmo por horas. “Nin sequera nesta situación son capaces de facer contratos decentes”, criticou, ademais de facerse eco das denuncias de que persoal contratado para combater a pandemia nos centros hospitalarios están a realizar outro tipo de atención sanitaria.

Igualmente, recriminou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que o persoal que atende a doentes COVID segue traballando sen as acaídas condicións de seguridade, o que se traduce en casos como o do centro de saúde de Vimianzo con once profesionais contaxiados de 16, “como se lles pode esixir traballar sen as adecuadas condicións de seguridade”, interpelou Prado.

A deputada nacionalista criticou que Galiza siga presentando os peores datos en materia de control de contaxios, de tal xeito que o 63,2% dos contaxios non están controlados nin identificados “e iso por un sistema de rastrexo que non coñecemos aínda a día de hoxe pese ao relato ficticio e propagandístico que queren impoñer a través da TVG”.

Tests a punto de caducar realizados nas farmacias

“Pregúntome que tranquilidade poden ter os galegos e as galegas cando a gripe aínda non chegou e cando a COVID pode ir a mais pero xa hai colas nos centros para poder ser atendidos. A tranquilidade non se consigue tendo a televisión pública dicindo que van facer tests nas farmacias simplemente para sacar adiante tests a punto de caducar e dando cifras inventadas de rastrexadores”, concluíu, tras solicitar que se aumente o orzamento e o persoal, moi en particular en atención primaria.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG