O BNG reclamou esta mañá no Parlamento galego que a Xunta revoque a decisión de centralizar no centro de saúde de Fingoi a asistencia sanitaria os sábados pola mañá e a recupere nos distintos centros de saúde do concello de Lugo para garantir así unha atención próxima e accesíbel á veciñanza que atenden.
Segundo explicou a deputada Iria Carreira, a decisión tomada polo Sergas supón que os cinco equipos completos que traballaban con anterioridade nos centros de saúde de Sagrado Corazón, A Milagrosa, Illas Canarias, Praza de Ferrol e San Roque se concentren desde o 19 de setembro en Fingoi, o que obriga a unha parte importante da poboación a desprazarse até un barrio periférico da cidade para recibir asistencia os sábados, incluídas as parroquias do rural de Lugo.
Para Carreira, centralizar a atención sanitaria nun único centro de saúde, aínda que só sexa nas mañás dos sábados, “supón unha merma na calidade do servizo que debe garantir sempre a máxima proximidade á cidadanía que atende, máis aínda -subliñou- se falamos de saúde”. Neste sentido lembrou que unha parte importante da poboación lucense está integrada por persoas maiores, polo que cuestionou ao Goberno galego que a decisión respondese a “criterios de eficiencia”. “Eficiencia de que e para quen? -cuestionou- o que hai é un desprazamento maior do que viñan facendo as veciñas e veciños para poder ser atendidos polo seu médico”.
Na defensa dunha proposición non de lei neste sentido, que non prosperou polo veto do PP, a deputada nacionalista considerou especialmente grave a concentración no actual contexto COVID, dado que mentres todas as recomendacións sanitarias aconsellan evitar concentracións e limitar os contactos sociais, “a propia Consellería de Sanidade, o propio Sergas, a mesma Xunta decida que o oportuno agora mesmo é concentrar a atención sanitaria nun único centro de saúde os sábados”.