Parlamento Galego

O BNG reclama no Parlamento ao Goberno galego que amplíe os perímetros de seguridade nas zonas de caza

Luís Bará e Iria Carreira
Luís Bará e Iria Carreira
Luís Bará demanda tamén á Xunta que faculte ás e aos axentes ambientais para realizar controis de consumo de alcol e estupefacientes a cazadores

O BNG reclama á Xunta que amplíe os perímetros de seguridade nas zonas de caza con respecto a núcleos habitados, vías públicas e espazos de actividade económica e recreativa, e tamén que faculte ás e aos axentes ambientais para realizar controis de consumo de alcol e substancias estupefacientes a cazadores.

O deputado Luís Bará esixiu nunha pregunta ante a Comisión de Medio Ambiente do Parlamento galego a aprobación do regulamento da Lei de Caza -do que subliñou “é inconcibible que leve sete anos sen ser desenvolvido”- para poder implementar e intensificar medidas que garantan a seguridade na actividade cinexética.

Neste sentido subliñou as preocupantes estatísticas sobre accidentes de caza que rexistra o país, con 46 persoas feridas e 9 falecidas de xaneiro a setembro deste ano. “Unhas cifras -recalcou- que nos sitúan no cuarto lugar do ranking estatal e que aínda preocupan máis se temos en conta que houbo un longo período de confinamento non que no houbo actividade”.

Bará lembrou que xa a Valedoría do Pobo ten instado ao Executivo galego a modificar a lei para garantir a seguridade da veciñanza, especialmente no caso dos camiños rurais e de acceso ás vivendas, e que a propia Consellería de Medio Ambiente anunciara en 2015 a entrada en vigor de xeito inminente do novo regulamento no que se ía regular de xeito máis detallado o referente ás zonas de seguridade. “Sete anos sen aprobar o regulamento, un proba evidente de ineficacia e incompetencia”, recalcou.   

O portavoz nacionalista de Medio Ambiente tamén fixo fincapé na importancia de realizar controis de alcoholemia e de substancias estupefacientes nas actividades cinexéticas, debido “ao risco elevado” de usar unha arma coas capacidades físicas e mentais alteradas e, logo de lembrar neste sentido un recente caso rexistrado en Castroverde, recalcou a necesidade de intensificar os controis, para o que propuxo a habilitación das e dos axentes forestais.

Para Bará, os “onerosos” acordos de colaboración da Xunta coa Federación Galega de Caza non deben limitarse a actividades formativas e divulgativas, senón que, segundo concluíu, “hai que complementalos con medidas de control máis esixentes”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG