O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a paralización inmediata da entrada no vertedoiro das Pías, en Sobrado dos Monxes, dos rexeites procedentes da planta de Nostián -encargada do tratamento dos residuos da cidade da Coruña e da súa área metropolitana, denominada Consorcio- e que, segundo advertiu o deputado nacionalista Mini Rivas, superan o límite de Contido Orgánico Disolto (COD) que marca a lei para residuos non perigosos.
Nunha proposición non de lei na comisión parlamentaria de Medio Ambiente, Rivas mesmo chegou a valorar a presentación dunha autoemenda á súa proposición para solicitar da comisión “que deixen en paz ao concello de Sobrado” para que non se deposite no municipio máis rexeites que, segundo alertou, son perigosos “para a nosa saúde e para os usuarios e usuarias do Mandeo augas abaixo”.
“Estes días, hoxe mesmo, hai camións, non sei se legal ou clandestinamente ou nesa fronteira incerta, vertendo lodos á beira do Camiño Norte de Santiago, supoño que para lecer e ennobrecemento do bo nome do Xacobeo e o Camiño”, recriminou con severidade, logo de criticar á Xunta que non aplique por igual a normativa en Nostián e no vertedoiro xestionado por Gestán Medioambiental en Sobrado.
“Resulta cando menos chocante que se Nostián produce os mesmos rexeites porque procesa indistintamente o lixo urbano procedente do concello da Coruña e do Consorcio das Mariñas, se o da Coruña superaba amplamente o COD para entrar nun vertedoiro de residuos perigosos, en Sobrado estean entrando eses mesmos rexeites sen que as inspeccións preceptivas por lei detecten ningunha anomalía”, afondou.
Así pois, o deputado do Bloque tamén demandou na súa iniciativa a inspección urxente do estado do vertedoiro das Pías que, segundo recordou, contou coa construción “por arte de maxia” dun novo vaso con capacidade para 530.096 m3 e cunhas posibilidades de eliminación anual de 25.000 toneladas de residuos non perigosos procedentes dos tratamentos de valoraziación e centros produtores de residuos, pese a que está situado na serra do Bocelo entre os nacementos dos ríos Mandeo e Tambre, coa escorrentía para o chamado regato das Pías que vai parar ao Mandeo. “Toda unha lección de suicidio medioambiental”, concluíu. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.