Congreso

BNG reclama máis unha vez que se investiguen as presuntas ilegalidades do rei emérito

Juan Carlos I e Felipe VI (Foto: Casa Real)
Juan Carlos I e Felipe VI (Foto: Casa Real)
Néstor Rego destacou que a inviolabilidade do rei e o escudo mediático co que sempre foi protexido facilitou a realización de todo tipo de prácticas corruptas e que, para por luz no asunto, debe abrirse unha comisión de investigación en sede parlamentaria que permita á cidadanía coñecer a verdade sobre o financiamento dos Borbóns.

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar de novo, xunto a outras forzas políticas soberanistas e progresistas, a proposta de creación dunha Comisión de Investigación relativa á trama vinculada ás presuntas ilegalidades cometidas por membros da Casa Real e as influencias políticas, diplomáticas e comerciais con Arabia Saudí.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego destacou que recentemente fíxose público que o rei emérito presentou unha declaración ante as autoridades tributarias para regularizar 678.393,72 euros, presuntamente para así poder pechar as investigacións en relación ao uso destas tarxetas opacas. Por esta razón, o BNG ve máis necesario que nunca impulsar un proceso de investigación así como, a comparecencia da Ministra de Facenda, María Jesús Montero, para que dea explicacións.

O deputado nacionalista salientou que “con esta Comisión de Investigación preténdese investigar as presuntas ilegalidades detectadas pola fiscalía anticorrupción do Estado que tería encontrado indicios de presuntos delitos nos que estaría implicado o rei emérito relacionados co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal na contratación da segunda fase da construción da liña de ferrocarril de AVE que une as cidades de Medina e A Meca, en Arabia Saudí́”.

Por outra parte, a formación nacionalista considera que outro motivo para impulsar esta comisión son as múltiples declaracións de Corinna zu Sayn-Wittgenstein afirmando categoricamente que tería recibido presións e incluso ameazas graves por parte dos servizos secretos do Estado e a Casa Real, supostamente para confiscar documentación comprometedora para o rei emérito. Segundo as mesmas fontes xornalísticas, a mesma Corinna zu Sayn-Wittgenstein apunta ao actual monarca como coñecedor da campaña de acoso, difamación e persecución contra a súa persoa e a súa familia.

A comisión terá por obxecto investigar as presuntas irregularidades cometidas por membros da Familia Real, así como dos seus cómplices, e as súas posíbeis influencias na política diplomática e comercial do Estado español con Arabia Saudí. En tal sentido, proponse que se investigue:

  • A existencia de estruturas opacas, coa participación do ex Xefe de Estado, para a adxudicación de contratos comerciais.
  • As posíbeis contas irregulares de membros da Familia Real en paraísos fiscais, os mecanismos utilizados para iso e a orixe dos fondos das mesmas.
  • O presunto branqueo de capitais do ex Xefe do Estado.
  • As posíbeis actividades de comisionista realizadas polo ex Xefe do Estado (e a trama vinculada), así como os coñecedores e cómplices e as consecuencias e responsabilidades derivadas das mesmas.
  • Os beneficiarios das actividades ilícitas ou ilegais do ex Xefe de Estado, e especialmente se entre estes beneficiarios está o actual Xefe de Estado.
  • As influencias que as relacións da Monarquía Española con Arabia Saudí puideran exercer sobre as relacións diplomáticas e comerciais do Estado español con Arabia Saudí.

Néstor Rego salientou que “é unha cuestión de hixiene democrática que se poida investigar no ámbito parlamentar a realización de todo tipo de prácticas corruptas por parte dos Borbóns”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG