O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas para que o Goberno do Estado, e no concreto o Ministerio de Transportes, libere de peaxes o tramo da AP-9 comprendido entre Padrón e Santiago de Compostela por mor das obras de humanización que se están a realizar na N-550 no Milladoiro, termo municipal de Ames. Néstor Rego, deputado do BNG, sinala que a única vía que realmente podería supor un alivio para a intensidade do tráfico, reducindo enormemente a presenza de vehículos na N-550 é a Autoestrada do Atlántico.
“O BNG leva tempo reclamando pór fin á concesión da AP-9 tendo en conta que a prórroga de 25 anos feita por un goberno do PP de Aznar é ilegal a xuízo da Unión Europea. Cremos, por tanto, de xustiza que se libere de peaxe toda a AP-9, unha infraestrutura xa suficientemente amortizada, que non debemos continuar pagando”, sinala Néstor Rego.
Ademais, mentres non se resolva a concesión, o BNG ten reclamado e conseguido medidas que permitan facilitar o tránsito e repercutir positivamente nas economías familiares e empresariais. “Resultado desa preocupación son as bonificacións que neste momento están xa vixentes na AP-9 e que deben ser neste ano incrementadas para as e os viaxeiros superrecorrentes, unha medida que é resultado do acordo de investidura conseguido polo BNG” lembra o deputado do BNG no Congreso.
Mais, alén destas reivindicacións e logros, a organización nacionalista tamén ten presentado outras propostas como a gratuidade das peaxes en determinados tramos da AP-9, tanto en iniciativas parlamentares como en emendas aos Orzamentos do Estado mais as forzas de obediencia estatal sempre votaron en contra impedindo que saíran adiante.
“As obras de humanización da N-550 á altura do Milladoiro, no Concello de Ames, teñen unha previsión de duración de máis de un ano: até finais de 2025. É dicir, máis de un ano de atrancos para a mobilidade por estrada” sinala o deputado do BNG. Esta situación afectará todos os vehículos que teñen que acceder ou saír polo sur de Santiago de Compostela xa que pasará de dous a un só carril por sentido nos tramos en obras.
A pesar da recomendación de itinerarios alternativos, evidencia Néstor Rego, non cabe dúbida de que “a única vía que realmente podería supor un alivio para a intensidade do tráfico, reducindo enormemente a presenza de vehículos na N-550, especialmente a de transporte pesado e de mercadorías, é a AP9”. É por este motivo que o BNG reclama o levantamento da peaxe no tramo entre Padrón e Santiago favorecendo así unha circulación áxil e segura de todas as persoas que deben usar no seu día a día o traxecto de Padrón a Santiago.
O Goberno do Estado, e no concreto o Ministerio de Transportes, debe escoitar estas reclamacións que, tanto os axentes sociais como as persoas usuarias, están a demandar e levantar as portaxes neste tramo.