Congreso

BNG reclama que o Goberno inclúa o protocolo de reclamación colectiva no trámite para ratificar a Carta Social Europea

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego salienta que o Goberno español ao non ratificar o protocolo do 95 da Carta, no relativo ás reclamacións de carácter colectivo, pretende evitar ser sometido ao control do cumprimento da mesma.

O Bloque Nacionalista Galego reclamou ao Goberno español, a través dunha Proposición Non de Lei e unha pregunta escrita, incluír na ratificación da Carta Social Europea a Declaración pola que acepta a supervisión das súas obrigacións segundo o procedemento do Protocolo do 95 que estabelece un sistema de reclamacións colectivas.

Este sistema de reclamacións colectivas permite que determinados suxeitos -principalmente, organizacións sindicais e organizacións non gobernamentais-  podan denunciar directamente no Comité Europeo de Dereitos Sociais aos Estados que incumpren a Carta Social Europea por causa tanto da súa lexislación como da súa práctica. Por tanto, as reclamacións destes suxeitos lexitimados implican a  intervención do Comité Europeo de Dereitos Sociais, que elaborará unha decisión na que pode declararse que, efectivamente, o Estado en cuestión non cumpre. E esta declaración de incumprimento determinará que o Comité de Ministros do Consello de Europa dite, posteriormente, unha resolución de condena, coa súa correspondente recomendación ao Estado incumpridor.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou que o pasado 10 de novembro de 2020, o Consello de Ministros adoptou o Acordo polo que dispoñía a remisión ás Cortes Xerais da Carta Social Europea (revisada) e autorizábase a manifestación do consentimento de España para obrigarse pola devandita Carta,  solicitando a súa tramitación polo procedemento de urxencia. Rego explicou que inicialmente o Acordo en cuestión figuraba publicado oficialmente co seguinte texto: “O  Protocolo adicional (nº 3) de 1995 de reclamacións colectivas, independente da firma da Carta revisada e que España non ratificará no presente procedemento”.

A formación nacionalista ha denunciado que días despois e sen explicar as razóns, dita publicación oficial foi obxecto de cambios, eliminando toda referencia á vontade expresa do Goberno de non querer ratificar o citado Protocolo adicional nº 3 de 1995, sobre reclamacións colectivas.

Néstor Rego destacou que no texto remitido finalmente polo Goberno ao Congreso, “non figura ningunha mención á ratificación do Protocolo Adicional á Carta Social Europea no que se establece un sistema de reclamacións colectivas”. Con iso, o BNG denuncia que o Goberno español persiste na súa vontade de non querer ratificar neste momento o mencionado instrumento internacional. “E o que é máis grave, o Goberno evita así estar exposto a un control moi específico do cumprimento dos deberes que lle corresponden por ratificar a Carta Social Europea” sinalou o deputado.

“Este sistema de reclamacións colectivas é unha ferramenta imprescindible para que a Carta Social Europea non quede en papel mollado, na medida en que a ratificación do Protocolo Adicional á Carta Social Europea no que se establece un sistema de reclamacións colectivas supoñería maior visibilidade e efectividade dos dereitos, tan básicos e fundamentais, que aquela Carta estabelece” destacou o deputado nacionalista.

O portavoz nacionalista ha manifestado a súa intención de presentar unha emenda parcial ao texto durante a tramitación en comisión para que se inclúa na declaración de aceptación o Protocolo do 95 no referente ás reclamacións colectivas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG