Ante a reforma que propón o Partido Popular, o deputado Néstor Rego, manifesta que ”o BNG si está a favor dunha reforma do sistema de financiamento” mais discorda totalmente co modelo que presenta a dereita, que limita ampliar o espazo fiscal propio das CCAA. O BNG aposta por superar o status actual de financiamento e política fiscal, para determinar desde Galiza as prioridades.
Por iso o BNG rexistrou unha emenda á Proposición Non de Lei sobre a revisión do sistema de financiamento das Comunidades Autónomas de Réxime Común e Facendas Locais, para reclamar que a Galiza poida acceder a un sistema de financiamento novo, baseado na autorresponsabilización e na capacidade do noso País no ámbito normativo e recadador, por medio dunha Facenda galega, de todos os impostos. A partir de aí, e por medio da negociación bilateral co Estado, determinar que cantidade se debe transferir a este.
Rego salienta que, segundo datos de 2017, a diferenza entre o que os galegos e galegas pagamos ao Estado en impostos e o que o Estado devolve á Galiza supera os 4.500 millóns de Euros. “Un autentico espolio ao noso País ao que é necesario pór fin”, enfatizou.
Devolución á Galiza dos 170 millóns dos incentivos por cumprimento da regra de gasto
Por outra parte, Néstor Rego denuncia que o Partido Popular reclame a devolución dos 2.500 millóns de euros que o Estado adebeda ás CCAA en concepto de IVE, mais que esqueza a partida correspondente aos incentivos por cumprimento dos obxectivos fiscais, que no caso da Galiza supoñen 170 millóns de euros, que se suman aos 200 do IVE.
Néstor Rego salientou na súa intervención no pleno que os populares esquecesen esta partida. “Non sei se o PP pretende regalarlle ao Estado eses cartos que corresponden aos galegos e galegas ou é que Feixóo pinta xa tan pouco que nin o seu partido lle fai caso, ou as dúas cousas á vez”.
O deputado nacionalista ironizou sobre as causas deste esquecemento: Talvel que agora que Urkullu convocou eleccións na Galiza son vostedes conscientes de que as van perder e que non van ter oportunidade de xestionar eses recursos”.
Rego reafirmou que, en calquera caso, o BNG vai seguir reclamándoos “porque son nosos”. Neste sentido, dirixiuse á Ministra de Facenda para reclamar que pague o que debe ao todos os galegos e galegas. “Señora ministra, dicímoslle que non nos serven argucias nin pretextos formais. Menos aínda argumentos “tan rigorosos” como o que vostede utilizou hai uns días de que “ese diñeiro xa non existe”, sinalou.