parlamento galego

BNG propón á Xunta aumentar o orzamento do plan de saúde mental deste ano e dotar a Atención Primaria de especialistas

Montserrat Prado
Montserrat Prado
Montserrat Prado pide tamén unidades hospitalarias de atención infanto xuvenil en todas as áreas sanitarias nunha iniciativa rexeitada polo PP

BNG propuxo no Parlamento galego incrementar nos orzamentos da Xunta para este ano os recursos destinados a sufragar o anunciado Plan de saúde mental pos COVID19 nunha contía de 21 millóns. De igual xeito, a proposición non de lei nacionalista recolle a creación nos centros de saúde de Atención Primaria de prazas especialistas en distintos ámbitos que permita configurar equipas multidisciplinares para a prestación dunha atención integral en materia de saúde mental. Así mesmo, na iniciativa ínstase á Xunta a crear unidades hospitalarias de atención infanto xuvenil en todas as áreas sanitarias e a realizar un estudo para determinar os efectos que a pandemia está a ter na saúde mental da cidadanía galega.

A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, advertiu da necesidade de afrontar un “problema de enorme dimensión” como é a situación da saúde mental en Galiza, máis despois da COVID, dende un sistema sanitario que se atopa en “extrema precariedade”, con carencia de profesionais e un alto grao de eventualidade nas súas condicións laborais e con dispositivos básicos comunitarios e de persoal infradotados, sobre todo no referido á atención infanto xuvenil.

Prado -quen quixo agradecer na súa intervención o labor desenvolvido polo Movemento Galego de Saúde Mental- reclamou á Xunta un incremento orzamentario para este ano ata os 21 millóns, en coherencia co Plan de saúde mental anunciado polo Executivo, “pero que foi iso, un anuncio, porque logo esqueceron poñer as partidas precisas”. Afeou así ao PP que avanzara 83 millóns de investimento en catro anos neste plan, cando a contía para a saúde mental “apenas supera o millón de euros, en pleno impacto da pandemia na saúde mental da poboación”. “A este ritmo, o plan non será a catro anos, senón a oitenta”, recriminou para a continuación advertir da necesidade dunha intervención pública rápida e urxente para garantir este tipo de atención sanitaria.

Incidiu neste sentido en que este incremento orzamentario é preciso para incorporar ás e aos profesionais necesarios, unha maior e mellor dotación de persoal especializado que permita “rematar coas listas de espera, coa sobreutilización do tratamento psicofarmacolóxico, e coa vergoña da contención mecánica”. De igual xeito, recalcou que o aumento de recursos é imprescindible tamén para abordar a prevención do suicidio, que en Galiza ten unha altísima prevalencia, sendo a primeira causa de morte violenta por riba das producidas por accidentes de tráfico con 3.345 persoas falecidas entre 2010 e 2019 (318 nese último ano) e cunha alarmante tendencia ao alza (os servizos de urxencias de Vigo triplicaron os casos, por exemplo) e preocupante incidencia entre a xente nova.

Así pois, a deputada nacionalista defendeu tamén a creación nos centros de saúde de Atención Primaria de prazas de psicólogxs clínicos, terapeutas ocupacionais, logopedas e traballadorxs sociais que permita a creación de equipas multidisciplinares que presten unha atención integral no ámbito da saúde mental. “É preciso que a Atención Primaria teña recursos para poder ser resolutiva porque é o contexto principal para conseguir o equilibrio entre a saúde física e mental e -subliñou- non hai escusa para non incorporar estas categorías das que hai profesionais dabondo nas listas de contratación e no desemprego”.

Sobre as unidades hospitalarias de atención infanto xuvenil, Prado reprochou ao Goberno de Feixóo que “urxe crealas, non só anunciar a súa creación” e recordou que a única unidade de hospitalización de saúde mental especializada en infancia e adolescencia foi creada no CHUS en 2012 con menos prazas e persoal do previsto inicialmente e que dende 2014 a Xunta leva anunciando outra unidade en Vigo. “Sete anos e tres conselleiros despois, segue sendo iso, un anuncio. Nas outras áreas sanitarias nin anuncio”, reprobou á bancada popular.

Por último, a portavoz nacionalista de Sanidade, avogou por realizar un estudo para determinar con exactitude os efectos que a pandemia está a ter na saúde mental da cidadanía. “É preciso coñecer a dimensión do problema”, argumentou para advertir de que o impacto da COVID vén agravar a situación e deixar en evidencia que os servizos de saúde mental “eran raquíticos e agora absolutamente insuficientes para atender as secuelas que deixa o virus tamén neste ámbito”. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG