BNG propón á Xunta un acordo con 8 medidas concretas para mellorar o ensino fronte ás súas políticas de “autobombo”

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo

Aumento de profesorado, plans de igualdade e saúde mental, eliminación da segregación por sexo e acordo pola normalización lingüística, entre elas

Manuel Lourenzo recrimina a Educación que presuma de resultados cando a taxa de repetición cuadriplica en Galiza a recomendada pola OCDE

BNG lanzou no Parlamento galego neste 8M unha proposta á Xunta con oito medidas concretas para mellorar o ensino público e que o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, sintetizou nos seguintes puntos: plans de igualdade dotados de persoal e recursos para profesorado e alumnado en todos os centros educativos; demandar das universidades que se imparta a materia de igualdade no máster docente; eliminación da segregación educativa por sexos nos centros de ensino; plan de atención á saúde mental; contratación de profesorado; acordo pola normalización lingüística; recuperación do horario lectivo e das condicións laborais do profesorado e plan de impulso para o ensino rural.

“Se vostede está por modernizar o ensino público neste País, pode contar coa man tendida que aquí lle deixamos; se, pola contra, o que vostede quere é seguir con este autobombo permanente, non conten co BNG”, sinalou Lourenzo ao conselleiro de Educación, logo da súa comparecencia na Cámara que o deputado nacionalista cualificou dunha “laudatio constante máis ás que nos ten acostumados”. “Semella razoable que este tipo de roldas de prensa as dea vostede ou na sala de prensa de San Caetano ou non sei mesmo na TVG, agora que ata lle retransmiten en directo os actos do PP”, recriminou.

Segundo recalcou, a comunidade educativa galega “non ten culpa das navalladas internas do PP nas que vostedes andan” porque o que lle preocupa “son as consecuencias das súas políticas” e, neste sentido, recordou que o profesorado está ao límite, “con máis carga horario e con máis carga burocrática ca ningún outro momento na historia deste País”, e que as elevadas ratios por aula urbanas están a dificultar de xeito grave o seu traballo.

De igual xeito, advertiu e do “abandono” no que se atopa o ensino rural e da afectación da pandemia na saúde mental que están a denunciar todos os centros educativos “que tamén se sentiron abandonados” e reprochou ao titular de Educación que sacara peito das súas políticas e presuma das taxas de idoneidade cando “temos unha taxa de repetidores que nin dobra nin triplica, senón que cuadriplica a taxa de repetidores que recomenda a OCDE!”. “Europa recomenda un 3% e nós en terceiro da ESO temos un 12,6%, a terceira taxa máis alta de Europa”, censurou.

Logo de concluír que “este é o espello” real do sistema educativo público galego, Lourenzo acusou ao conselleiro de ser perfectamente consciente da situación “porque así llo trasladaron Anpas, profesorado e alumnado no Consello Escolar”, ao tempo que reprobou que, diante desta situación, “a única resposta por parte da Consellería sexan notas de prensa e grandes titulares que non se concretan en absolutamente nada”.

Respecto ao ámbito concreto da igualdade, recordou que o Goberno do PP leva 15 anos incumprindo o artigo 11 da Lei de Traballo en Igualdade das mulleres no que ao profesorado se refire e que o I Plan de Actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galiza, aprobado en 2016, non recibiu instrución para a súa implantación ata o curso 19/20.

“Instrución que o único que supuxo foi máis carga burocrática, sen ningún tipo de recurso e sen ningún tipo de medidas concretas que o que motivou é que moitos centros, aínda a día de hoxe, non teña implementados estes plans de igualdade e noutros teñan un uso absolutamente litúrxico”, incidiu para concluír a continuación que ao que chaman “os plans de cumprimento” son, en realidade, un “cumpro e minto, porque isto é absolutamente imposible de executar nos centros de ensino”.

O portavoz nacionalista de Educación tamén censurou a segregación por sexos no sistema educativo: “vostede considera que é compatible a igualdade no ensino, nun ensino coeducativo e feminista, mantendo concertos que segregan os nenos das nenas?”, cuestionou con severidade, recordando que cando o PP chegou á Xunta estaban preparados os trámites para a supresión dos concertos con centros que segregan o seu alumnado por sexos e que o primeiro que fixo como goberno no ámbito educativo foi precisamente reactivar estes concertos.  

Por último e en relación á LOMLOE, Lourenzo reprochou ao Executivo do PP as súas présas na publicación dos novos currículos por parte do Estado cando no momento no que gobernaban non só tardaron uns meses, senón que “tiveron que demorar o inicio da implantación da Lei Wert porque foron incapaces de trasladar eses currículos dun ano para outro” e, ademais, como Goberno galego, “non só non foi partidario de que as comunidades tiveran máis peso na elaboración deses currículos, senón que, por riba, se limitou a traducir os que lle mandaban de Madrid”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG