A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, participa nun encontro coa veciñanza do Carballiño acompañada pola voceira municipal, Sofía García, e o candidato ao Senado, Xosé Carballido. A formación nacionalista chama a confiar no BNG nestas eleccións xerais para rematar co “bipartidismo clásico”, unha receita que para Presas representa a desidia e o abandono que sofren as comarcas de Ourense e, nomeadamente, O Carballiño. Entre as cuestións que destaca a cabeza de lista do BNG, Presas comprométese a impulsar novos servizos ferroviarios para O Carballiño, ante o desmantelamento realizado polos gobernos de PP e PSOE, así como a gratuidade da AP-53, garantir a conexión do Carballiño coa futura autovía a Lugo, a mellora da N-541 e favorecer o desenvolvemento do sector industrial da comarca.
“Ourense ten unha gran oportunidade nestas eleccións para mudar uns representantes que non defenden os seus intereses en Madrid por unha alternativa como o BNG que ten as mans libres para defender Ourense, condicionar as políticas do Estado e favorecer as comarcas como O Carballiño” afirma a candidata do BNG ao Congreso. Neste sentido, Presas chama a concentrar o voto no BNG para que, tal e como pasou nas eleccións galegas, a formación nacionalista quite o último escano ao Partido Popular: “o noso voto vale dobre: para defender os intereses de Ourense e para frear a dereita” alega.
Neste sentido, Presas defende a necesidade de impulsar o servizo ferroviario no Carballiño a través do aumento das liñas e frecuencias que conectan coa cidade de Ourense. “Propomos crear un servizo específico de trens lanzadeira entre Ourense e as estacións de Carballiño e Ribadavia para comunicar a veciñanza destas vilas co resto do País a través do AVANT” sinala.
En materia viaria, a organización nacionalista comprométese a condicionar as políticas do Goberno do Estado para que transfira a titularidade da AP-53 e liberala de peaxes. Do mesmo xeito, exixirán partidas orzamentarias suficientes para a mellora da N-541 e garantir a conexión do Carballiño coa futura autovía a Lugo. “Hai que garantir o desenvolvemento social e económico do Carballiño e iso pasa por dotar a esta comarca das infraestruturas precisas” apunta.
Por outra parte, a cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, defende a proposta do BNG para subir as pensións mínimas “até o 60% do salario medio” contribuiría a superar a fenda territorial e mesmo a de xénero porque, segundo os datos, as mulleres son as que perciben a pensión mínima en maior porcentaxe. “Se un pensionista de Ourense xa cobraba menos antes que un pensionista medio doutra parte do Estado, e que agora por riba, a medida que foron subindo os prezos, empobreceuse aínda máis” apunta.