BNG propuxo no Parlamento galego reformar a regulación das listas de contratación temporal da Xunta co obxectivo de non penalizar a aquelas persoas con contratos a tempo parcial de duración moi inferior á xornada ordinaria, ás que normalmente lles resulta gravoso aceptar o contrato que se lles propón dende a Administración galega e que están obrigadas a aceptar porque se non o fan, son excluídas da lista de contratación correspondente.
Así, o portavoz nacionalista de Institucional e Xustiza, Iago Tabarés, defendeu unha proposición non de lei a remodelación da regulación actual neste sentido, así como a facilitar -en grupos e categorías determinadas e sempre que a xornada e concreción horaria o permita- a compatibilidade do posto de traballo temporal a tempo parcial co desempeño dun posto no ámbito privado cando ningún dos traballos implique exercicio de funcións directivas, organizativas ou de xestión.
De igual xeito, Tabarés avogou pola apertura dun trámite de audiencia coa persoa interesada, para que poida xustificar as súas razóns, antes de proceder á imposición directa de penalizacións por falta de atención e/ou aceptación dunha oferta para a cobertura dun posto de traballo de carácter temporal.
O deputado nacionalista indicou que non é infrecuente ter que contratar persoal na Administración para que realice traballos por unha ou dúas horas diarias, por exemplo, aínda que tamén advertiu que cómpre analizar a causa xa que “na inmensa maioría dos casos estas contratacións veñen derivadas da ineficacia de medidas de conciliación laboral e familiar que provocan que unha traballadora deba recorrer á redución de xornada e soldo”.
En todo caso, considerou que “obrigar a unha persoa a aceptar este contrato temporal a tempo parcial baixo ameaza de seren excluída da lista de contratación pode ser unha medida non excesivamente xusta e proporcionada”, xa que tal obriga pode implicar que un traballador ou traballadora perda diñeiro, tal e como acontece habitualmente pola obriga de desprazamentos.
Ao seu xuízo, a decisión da Xunta de limitar a posible duración destas “inxustas situacións” non soluciona o problema, polo que apuntou outro tipo de medidas como ordenar unha xornada mínima para os contratos temporais, establecer unhas listas especiais para a contratación a tempo parcial por xornada inferior á ordinaria, compatible coa listaxe a tempo completo ou ampliar as causas que permiten renunciar a este tipo de contratos. Medidas todas elas que, xunto ao establecemento de compensacións adicionais por atender este tipo de necesidades, “poderían contribuír a que a cobertura deste tipo de postos non resultase gravoso e prexudicial para a persoa substituta”.
Sobre o sistema sancionador, Tabarés considerou inaceptable a exclusión das listas de contratación temporal sen audiencia previa e sen a posibilidade de xustificar previamente á exclusión a razón da incomparecencia ao chamamento. Neste sentido, exemplificou con casos reais e indicou que non son inusuais as exclusións das listas de contratación polo prazo dun ano (agora 6 meses) por encontrarse a persoa chamada de baixa por enfermidade, mesmo por dar positivo por COVID, ou con necesidade de atender a doenza dun familiar, “polo que, a fin de garantir os dereitos constitucionais, procedería dar audiencia á persoa traballadora antes de acordar a súa exclusión das listas de contratación e, de existir causa debidamente xustificada, non perder o posto na lista”.
En definitiva e segundo concluíu, con esta iniciativa o BNG pretendía impulsar unha modificación da regulación das listas de contratación temporal para os chamamentos para ocupar postos de traballo a tempo parcial de duración, igual ou inferior, ao 50% da xornada ordinaria, co obxectivo de garantir así que a cobertura dos postos non resulte gravosa para os e as traballadoras de determinadas categorías. Pese aos argumentos esgrimidos polo deputado nacionalista, a proposición non de lei non prosperou polo veto do PP e abstención do PSOE.